Sábado 20:30 horas, data escollida para a volta entre Pontevedra e Haro Deportivo

Pontevedra
22 de xuño 2015

O prezo das entradas é similar ao da eliminatoria ante o Mensajero. Os socios deberán pagar un suplemento de 5 euros pero poderán ir de balde ao partido se compran unha entrada para un acompañante

Aspecto que presentaban as bancadas de Pasarón durante o Pontevedra-Manzanares
Aspecto que presentaban as bancadas de Pasarón durante o Pontevedra-Manzanares / Diego Torrado

O Pontevedra apostaba por xogar a volta ante o Haro Deportivo o próximo domingo 28 de xuño, pero finalmente prevaleceron os intereses da televisión pública galega, que retransmitirá o choque.

Segundo anunciou este luns o club granate o partido definitivo do play-off de ascenso, no que debe remontar un 1-0 en contra, xogarase o sábado 27 de xuño ás 20:30 horas no Estadio Municipal de Pasarón.

A casualidade quixo que a data coincida co undécimo aniversario do último ascenso do Pontevedra, a Segunda División no ano 2004. Nos pés dos futbolistas adestrados por Luisito está a posibilidade de que a historia se repita.

En canto ás entradas para o partido, contarán cun prezo similar ao choque ante o Mensajero, cunha lixeira baixada nos fondos. Así as entradas custarán 15 euros en Tribuna, 12 en Preferencia e 6 nos fondos, mentres os menores de 18 anos deberán pagar dous euros.

Pola súa banda os socios deberán aboar un suplemento de cinco euros, pero se compran unha entrada para un acompañante poderán entrar de balde ao estadio. Non terán que pasar por despacho os socios menores de idade.

Ademais as primeiras 1.000 entradas para Preferencia terán un desconto de dous euros e as 1.000 primeiras de Fondo Sur de un, quedando en 10 e 5 euros respectivamente.

A venda anticipada habilitouse nas oficinas do Estadio Municipal de Pasarón, que permanecerán abertas en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas ata o próximo venres.

O sábado, día do partido, a billeteira do estadio abrirán de 11:00 a 14:00 horas e a partir das 16:00 horas da tarde.