Só un ano despois, o Pontevedra Rugby Club (PRC) regresa á Liga Galega de Rugby de Primeira División.
O equipo pontevedrés devolveu o rugby local á máxima categoría autonómica tras pechar con nota na fase final unha tempada na que mostrou o seu gran nivel.
Invicto na fase regular, o PRC non deu tampouco opción aos seus rivais na fase polo título de Segunda División.
Na súa semifinal o Pontevedra Rugby Club dominou o Santiago RC por un resultado de 68-7.
Así se plantou no encontro decisivo disputado a fin de semana no campus de Vigo fronte ao CR Fendetestas das Pontes.
Foi outro encontro liquidado sobre todo na segunda parte e que finalizou cun claro 50-14.
Todo iso, destaca o PRC, cun plantel rexuvenecido e cheo de xogadores formados na escola do club.
Un fin perfecto de tempada e que fai mirar ao futuro con optimismo, e é que os pontevedreses contarán a próxima campaña con equipos na máxima categoría do rugby galego tanto masculina como feminina.