Rufo recibe a alta médica e empeza a adestrar co grupo

Pontevedra
10 de xaneiro 2022

A pesar das dúbidas mostradas o pasado venres por parte do adestrador granate, o dianteiro madrileño recibiu este luns a alta médica tras dous meses e medio de convalecencia e xa estará dispoñible para a próxima xornada de liga

Rufo (terceiro pola dereita) adestrando co Pontevedra en Xeve
Rufo (terceiro pola dereita) adestrando co Pontevedra en Xeve / Mónica Patxot

Grandes noticias para o Pontevedra Club de Fútbol no inicio dunha nova semana de traballo tras a goleada do domingo na casa fronte ao Palencia Cristo Atlético.

Tras pasar unha nova revisión Rufo recibiu este luns a alta médica da súa lesión de nocello, que lle tivo dous meses e medio afastado dos terreos de xogo.

A pesar das dúbidas sobre o seu estado mostradas o pasado venres por parte do técnico, o certo é que co OK dos servizos médicos o dianteiro xa se pode  reintengrar ao traballo de grupo e estará dispoñible se o adestrador o considera oportuno para a próxima xornada.

Desta forma, e aínda que por diante a Rufo quedanlle semanas de traballo para alcanzar un ritmo óptimo de competición, todo apunta a que entrará xa na lista de convocados para a visita ao Compostela prevista para o domingo 23 de xaneiro, tendo en conta que a próxima fin de semana non hai encontro de liga.