É o momento da verdade, e así o ve o plantel do Pontevedra Club de Fútbol antes de afrontar unha semana de tres partidos que pode ser determinante no seu obxectivo de lograr o ascenso, primeiro coa saída ao feudo do Real Avilés pero sobre todo cos dous encontros consecutivos na casa fronte a Numancia e Coruxo.
"Sabemos que é o momento clave da tempada. Temos que estar todos moi concentrados e ao cento por cento para sacar isto adiante", afirmou este mércores Rufo desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Para o dianteiro granate "quedando xa nove partidos como quedan, son todos finais".
A primeira delas a visita a un Avilés que é cuarto e pelexa por entrar no play-off de ascenso. "Claramente, é unha saída complicada", avanza Rufo, pero "hai que aproveitar as cousas que se poidan do ano pasado, da experiencia e do que pasou, e eu creo que este ano o estamos a facer. Unha delas é o que melloramos fóra da casa", analizou o ariete.
"Todos se están a xogar moitísimo. Tanto para os de abaixo como para os de arriba, por iso hai que ter moito coidado porque en calquera lado deixas puntos", avisa o madrileño.
Rufo cre ademais que "é importante" chegar ao duelo directo contra o Numancia do día 19 con vantaxe na clasificación, aínda que non quere desviar a atención.
Por iso pide "enfocarse no Avilés, porque son tres puntos igual de importantes. Despois xa teremos tempo de pensar no Numancia".
Todo nun curso no que non está a destacar especialmente pola súa achega goleadora (4 tantos), pero no que espera poder colaborar activamente no tramo final da tempada, aínda que máis que con marcar o tanto decisivo "soño con que ascendamos, sexa de quen sexa o gol. Oxalá sexa así porque o equipo e o club meréceno. Valeríame calquera, aínda que sexa propia porta, mentres ascendamos".