Rufo, motivado coa Primeira RFEF: "Cada domingo vai ser un partidazo"

Pontevedra
10 de agosto 2022

O dianteiro granate, que terminou o curso pasado con problemas físicos e comezou con precaucións a pretempada, atópase xa a pleno rendemento e "con moitas ganas" de que chegue a primeira xornada de liga. Vive doutra banda con preocupación a situación do seu ex-equipo, o Internacional de Madrid

Rufo, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón
Rufo, nun adestramento do Pontevedra en Pasarón / Mónica Patxot

Rufino Familiar Sánchez 'Rufo' prepárase para vivir a que será a súa terceira campaña completa no Pontevedra Club de Fútbol (ao que se suman 7 partidos antes da irrupción da pandemia), un curso que lle motiva especialmente nunha categoría como a Primeira RFEF que "vai ser bonita", asegura.

"Cada domingo vai ser un partidazo. Son campos moi bos, toda a categoría é céspede natural, non hai ningún artificial, con equipos de renome e de moita historia", defende o dianteiro "con ganas de empezar xa a tempada".

O futbolista madrileño, salvo contratempo, chegará ao comezo de liga en plenas condicións, tras acabar con problemas o curso pasado e iniciar a pretempada con precaución. "Acabei o ano lesionado e apetéceme empezar ben", sinala.

Para iso, non só a nivel individual senón colectivo, "manter a base e a filosofía do ano pasado dános unha vantaxe de cara ao resto de equipos que empecen de novo. O ano pasado empezamos moi de novo, notouse nas primeiras xornadas ata que o equipo axustouse. Esa vantaxe este ano témola e iso nótase nos adestramentos e nos partidos, que o equipo vai máis rodado, e por encima as fichaxes dannos un plus", relata Rufo en alusión aos resultados que se foron conseguindo nos amigables pero sobre todo en referencia ás sensacións que transmiten adestrando.

De feito no seu caso aínda que non 'mollou' polo momento no verán, non é algo que lle preocupe especialmente. "O equipo xa o ano pasado meteu moitos goles. O gol creo que o temos e sobre todo como está a xogar o equipo facilítanos a chegada a portería", defende unha das referencias para a afección granate.

Con todo Rufo cre que será necesario dar "un paso máis" en canto a rendemento, algo que espera conseguir da man dun adestrador como Antonio Fernández que "nos está achegando moitas cousas positivas a mellorar do ano pasado".

O 'killer' do Pontevedra vive ademais estes días con preocupación a situación que está a vivir o Internacional de Madrid, equipo no que militou antes de chegar á Boa Vila e que cada día acrecenta máis as dúbidas sobre se sairá a competir en Primeira RFEF, categoría para a que ha formalizao a súa inscrición no mesmo grupo que os granates. "Hai pouco falei cun compañeiro e non sabían nada. Esperemos que se solucione", explica o dianteiro, a quen "vendo as noticias dáme pena porque se desaparece ou se marchan non volverei enfrontarme a eles e téñolles moito agarimo".

En todo caso, se conseguen salvar a situación e saír a competir o Internacional farao cun importante déficit de preparación, tendo que visitar Pasarón na terceira xornada de liga. "Ao final para eles vai ser unha laxa, ademais é unha categoría tan complicada que como empeces o primeiras cinco ou seis xornadas tropezando levar ese lastre vai ser duro. Non sei que van facer, pero nós temos que preocuparnos dos noso", defende un Rufo que só ten en mente unha cousa, axudar con goles a que o Pontevedra se asente rápido na terceira categoría do fútbol nacional.