Segue a ser o pichichi do Pontevedra Club de Fútbol con 16 goles, pero o protagonismo de Rufo reduciuse nas últimas semanas no equipo granate, desde que unha indisposición lle fixo saír do once. Apareceu nese momento Charly López para relevarlle e a base de goles gañarse un oco na formación titular, marcando ata en oito xornadas consecutivas.
Por todo iso o 9 granate estse a adaptar ao seu novo rol, pero faino prometendo batalla sa ao seu compañeiro de dianteira.
"Todos queremos xogar loxicamente, e dá un pouco de rabia", recoñece Rufo, pero "Charly cando veu tamén tiña outras pretensións e eu aparecín na primeira volta cunha tempada moi boa. El tivo que aguantar e fíxoo moi ben, e estivo a traballar na sombra ata que chegou o seu momento", concede o ariete.
"Pasoume a min algo e que vantaxe máis grande para un equipo de fútbol que a xente que veña de atrás dea o mesmo resultado ou mellor que o que estaba. Para o club é o mellor, que outro xogador salga e teña os mesmos número ou mellores. Agora tócame apoiar o equipo, seguir traballando e poñerllo difícil para que vexa que detrás estou eu para cando se relaxe un pouco tentar quitarlle o posto, como fixo el, pero todo sanamente e a favor do club", afirmou Rufo este mércores desde a sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón.
Unha competencia que espera axude a lograr o obxectivo do ascenso, reto para o que quedan cinco xornadas por xogar no que "son partidos practicamente como eliminatorias".
"Está todo máis apertado do que esperabamos", asegura o pichichi do Pontevedra, aínda que xogar tres encontros deses cinco na casa "é unha vantaxe", recoñece.
Rufo avisa ademais que "en calquera lado podes perder puntos, está a pasarlle aos nosos rivais e a nós", polo que preparan con moito respecto a visita do Covadonga o vindeiro domingo 7 de abril a Pasarón, e é que "o Covadonga dos últimos 12 puntos fixo sete". Por todo iso "é mellor ir xornada a xornada, ir máis aló é equivocarse", defendeu na súa comparecencia ante os medios de comunicación.