Manuel Romay afronta o seu terceiro ano en Pontevedra convertido nun dos pesos pesados do equipo, como demostra o seu novo dorsal co 10 ás costas. Ese paso á fronte contrasta co dado sobre o terreo de xogo atrasando a súa posición para asentarse no dobre pivote proposto no esquema do técnico, e desde aí valora o bo inicio de tempada do equipo.
"Parece que o verán ilusionou a todos, a min incluído. Agora temos que levar esa ilusión que todos temos aos resultados para que nos leve a facer unha boa tempada", explica o centrocampista.
Para Romay o triunfo do pasado domingo na Malata supuxo moito máis que tres puntos, supuxo sacarse unha espiña cravada moi profunda desde o comezo da tempada pasada, cando os granates caeron en Ferrol por 4-1: "O ano pasado sufrimos moitísimo nese partido, creo que foi dos partidos que peor o pasei na miña carreira, e gañar alí despois do do ano pasado é unha alegría enorme".
Romay: "Saímos moi reforzados e esperemos aproveitalo agora na casa"
Ademais dese detalle empezar sumando tres puntos "pola dinámica, porque o rival é do teu nivel, porque ao final a liga é curta, porque é fóra da casa... saímos moi reforzados e esperemos aproveitalo agora na casa", sinala.
O 10 do Pontevedra opina que "fixemos un partido moi serio e sobre todo na segunda parte fomos o que temos que ser", unha liña a seguir para os dous próximos encontros de maneira consecutiva no Estadio Municipal de Pasarón, fronte a Unionistas e Celta B. En referencia ao conxunto salmantino "creo que vai ser o típico partido de Pasarón no que levaremos un pouco máis o peso", sempre presente que "este ano a igualdade vai ser máxima" e non hai rival sinxelo.
A nivel particular Romay vese cada vez máis adaptado á posición de dobre pivote, máis afastado da área do que nel adoitaba ser habitual: "Creo que Jesús confía máis en min nesa posición, e encima ao reforzarnos con eses bichos arriba. Eu tento achegar o que poida e cada día síntome máis cómodo. É verdade que ao principio íame un pouco máis para arriba pero aos poucos voume afacendo", recoñeceu.
Romay: "O bo de ter a eses dous dianteiros é que fixan moito aos defensas e aos que vimos de segunda liña déixanolo moito máis fácil"
Precisamente en relación á dupla atacante que presenta este ano o Pontevedra, con Charles e Rufo, "ao final o bo de ter a eses dous dianteiros é que fixan moito aos defensas e aos que vimos de segunda liña déixanolo moito máis fácil", explica o futbolista coruñés, que se aproveitou en Ferrol desa situación para ser un dos goleadores do partido.
Boas sensacións en resumo que fan a un dos veteranos do plantel como el asegurar que este curso "non me poño nin teito nin chan. Non sei o que vai pasar pero ilusión témola todos e temos que tentar pelexar para tentar facer unha boa tempada". Por suposto se é con moito público en Pasarón mellor, porque "para nós contar co apoio da afección é importantísimo", afirmou o que pasa por ser un das apostas fixas no once titular dos granates.