Quinta fichaxe do Poio Pescamar, que rescata para o fútbol sala a unha xove promesa andaluza.
Rocío Molina, que as dúas últimas campañas centrouse no fútbol 11 defendendo a camiseta da UD Almería, volve ao 20x20 comprometéndose co conxunto conserveiro.
A pesar da súa mocidade e do seu paso polo fútbol 11, Rocío acumula na súa traxectoria dúas tempadas na Segunda División de fútbol sala co CD El Ejido Futsal. Antes formouse no CD Kiosko Luis Marín da súa cidade, Almería.
Ademais, foi campioa de España de fútbol praia coa selección andaluza demostrando a súa versatilidade.
No parqué actúa no posto de peche, e coa súa chegada pasa a engrosar un plantel do Poio Pescamar que xa conta con trece efectivos coas tamén fichadas Chuli, Miri, Candela Soria e Èlia Gullí e as renovadas Anna Escribano, Sandra Buzón, Elena, Elena Aragón, Ale de Paz, Irene, Laura Uña e Martita.