Rivera ou Javi Pazos, só pode quedar un

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

O director deportivo do Pontevedra, Roberto Feáns, analizou a actualidade do mercado de fichaxes. Buscan un extremo dereito, só ficharán un mediocentro se sae un dianteiro, asume a súa responsabilidade no fracaso de Mejía, pero insiste en que Mouriño non tería minutos aínda que non chegase o hondureño

Javi Pazos, detrás de Carlos Pouso, nun adestramento do Pontevedra
Javi Pazos, detrás de Carlos Pouso, nun adestramento do Pontevedra / Cristina Saiz

O director deportivo do Pontevedra CF, Roberto Feáns, compareceu este xoves diante dos medios de comunicación para analizar toda a actualidade do mercado de fichaxes que afecta ao club de Pasarón. O directivo falou claro sobre a saída de Mejía, a marcha de Adrián Mouriño, a fichaxe de Naveira, a contratación de Rufo e sobre todo do traspaso de Álvaro Bustos e a necesidade de desfacerse de Rivera ou Javi Pazos polo overbooking que hai agora para competir polo posto de nove.

ÁLVARO BUSTOS

Asegura Feáns que a marcha da xogador franquía do Pontevedra, á que aínda quedan os famosos flocos para facerse realidade, comezou a fraguarse a comezos desta semana. "É unha é unha situaión complexa porque apostamos por el e era un dos xogadores importantes. Nós queriamos chegar a un equilibrio no que todos gañásemos", dixo.

Sen querer desvelar as cifras da operación, o dirixente granate explicou que "se accedemos á súa saída ao 30 de xaneiro é porque o trato é bo para o club e para o xogador". Tampouco quixo mollarse sobre se é o traspaso máis caro da era Lupe Murillo. "Depende, hai xogadores que por futuribles teñen moitas máis cláusulas", sinalou en alusión ás variables acordadas co Valencia e o Barcelona polas fichaxes de David Castro e o gardameta xuvenil Carrillo.

Do que non quixo dubidar o responsable da área deportiva é do compromiso do extremo asturiano. "Estivo sempre involucrado no club ao 100 %, pero a proposta que tiña era importante", expuxo con comprensión, lembrando tamén o esforzo que fixo o club por facerse cos seus servizos este verán. "Era un xogador cotizadísimo", subliñou.

Ao que non lle fixo chisco de graza a saída de Bustos é ao adestrador Carlos Pouso. O técnico biscaíño repetiu durante todo o mes que non lle gustaría perder a un xogador importante nesta xanela invernal, pero agora terá que traballar sen un dos seus xogadores estrela. "Os intereses do club están por encima dos persoais. O adestrador aceptou a situación, temos un prexuízo pero tamén un beneficio", resolveu Feáns, quen descartou calquera tipo de relación entre a marcha do extremo e a chegada de Rufo.

SAÍDAS DE JAVI PAZOS E RIVERA

Outra pataca quente que ten o director deportivo encima da mesa é a situación na que quedan os dianteiros Javi Pazos e Rivera despois da chegada de Rufo. O segundo xa dixo que quería saír do equipo en busca de máis minutos e ao primeiro xa lle comunicaron que terá pouco protagonismo na segunda volta polo que o convidaron a buscarse un novo destino.

"A Javi informóuselle que coa incorporacion de Rufo a priori non vai ter minutos", afirmou Feáns. Pero "se decide quedar e loitar por un posto, ten que ser consciente do rol que vai ter", puntualizou sen pecharlle de todo as portas de Pasarón.

Máis duro e contundente foi coa situación de José Rivera, que o tiña feito co Arousa pero a operación enquistouse nos últimos días pola negativa do xogador de aceptar as condicións da dirección deportiva para a súa saída. "O xogador é propiedade do Pontevedra, se quere saír ten que aceptar as condicións do club. É un xogador de futuro para nós, investimos nel e non podemos desfacernos del así como así", sostén Feáns.

O ariete finaliza contrato no mes de xuño e o Pontevedra non quere desprenderse del, polo que a súa cesión ao Arousa pasa porque acepte unha oferta de renovación.

No caso de que non acepte as condicións do club, o seu destino está decidido. "Temos un filial e perfectamente pode xogar nel. O xogador ten necesidade de ter minutos e temos un filial que está a competir. Informóuselle da posibilidade deste caso", advertiu.

Algo que quixo deixar claro o director deportivo é que as relacións institucionais entre equipos próximos como o Arousa son excelentes. "Puxéronse en contacto connosco e facilitámoslle a situación. Pero o seu axente e el non quixeron aceptar as condicións de saída. Está nunha situación parada", dixo sobre as opcións de consumar un traspaso ou unha cesión.

MÁIS FICHAXES

A saída de Álvaro Bustos deixou orfa a posición de extremo dereito e nas oficinas de Pasarón traballan a contrarreloxo para atopar un sutituto antes do peche do mercado, previsto para este venres. "A prioridade agora é un extremo, necesitamos profundidade, desborde. Temos un dianteiro que é moi bo rematador. Necesitamos profundidade pola dereita", detallou o mandatario.

Só no caso de que se produza a saída de Rivera ou de Javi Pazos, o club activaría a operación mediocentro. 

"Aquí todo é posible. Isto é o Pontevedra e ata o último minuto sempre estamos a traballar, tentando superarnos", asegurou. Aproveitou tamén para explicar por que as fichaxes chegan a última hora. "Ao principio non se move o mercado. Cando os equipos de Primeira ou Segunda empezan a soltar xogadores é cando podes acceder. No mercado de inverno hai que ir ao coñecido e iso require a cabeza fría para tomar a mellor decisión", explica.

Sobre as chegadas de Rufo, Jose García e Eneko Zabaleta sinalou que "reforzamos posicións que necesitabamos fortalecer". Con todo, advirte que "o mercado é agora unha poxa, cando o temos claro imos de verdade. Se hai dúbidas, descartámolo".

PROBLEMAS NO LATERAL ESQUERDO

O posto de lateral esquerdo foi todo un quebradizo de cabeza tanto para Luismi como para Pouso que coa chegada de Eneko Zabaleta parece quedar resolvido. Feáns é consciente do déficit do equipo nesa demarcación tras a marcha de David Castro e a falta de adaptación á categoría de Naveira. "O meu traballo é dotar de medios ao adestrador para que faga o seu traballo. Daquela o adestrador en función de como está o xogador aposta máis ou menos", dixo en referencia aos poucos minutos gozados polo exxogador do Compostela.

"Naveira non tivo continuidade pero non deixa de ser un futbolista futurible interesante. O Plantel está estruturada para ter dous xogadores por posto, ademais da versatilidade de xogadores como Pol ou Álex González", engadiu.

FICHA O ADESTRADOR OU FICHA O DIRECTOR DEPORTIVO?

"Levo aquí seis anos e todas as fichaxes son traballo da dirección deportiva", aseverou para matizar a continuación que "hai que ter moito en conta a opinión do adestrador (Pouso), igual que se fixo con Luismi ou Luisito".

Neste sentido, Feáns quixo explicar que a chegada de novos xogadores ao Pontevedra "faise en consenso. O adestrador coñece xogadores e a min tócame studiar o tema económico e facer unha valoración. A responsabilidade vai ser sempre miña", asumiu.

Descartou o director deportivo que o feito de asinar a tantos xogadores no mercado invernal supoña asumir o fracaso dos chegados nos meses de verán. "Tiñamos unha ficha libre porque houbo unha lesión de longa duración, fichamos a un sub 23 sen dar unha baixa e agora incorporamos a outro futbolista por outro que saíu", enumerou os motivos das incorporacións.

Si que admitiu que "a fichaxe de Mejía non saíu ben por unha serie de circunstancias e porque el tampouco se atopaba moi a gusto" e que "non todas as incorporacións estiveron como esperabamos, pero queda unha segunda volta para que demostren", sostén con optimismo.

ADRIÁN MOURIÑO

A marcha de Mejía, que nunca chegou a callar nin no persoal nin no vestiario, reabriu a ferida do despedimento de Mouriño. Moitos afeccionados consideran un erro forzar a saír a un dos ídolos da bancada para traer a un xogador descoñecido, unha aposta arriscada que non chegou a dar o resultado esperado. "Mejía e Mouriño son xogadores distintos. A posición que ocupaba Mouriño, saíse ou non Mejía, ía levar a non xogar", asegura Feáns, citando a xogadores como Pedro, Romay, *Álex González ou Bustos que lle pecharían a porta da titularidade.

"Non se trata de se é Mejía ou non. Trátase de analizar as últimas tempadas e a importancia que tivo cada xogador e ao final hai que tomar decisións. E cando se toman non lle gustan a todo o mundo", resolveu

Aínda así, admitiu que a xogada non saíu como el esperaba. "Necesitabamos un mediocentro puro, ti elixes co mellor criterio do mundo pero isto é fútbol, dependía duns condicionantes que non eran os máis adecuados", recoñece. "É responsabilidade miña que se fallou con esa fichaxe e tócame resolver esa situación", aceptou o director deportivo.

CUESTIONADO

Non é a primeira vez que a bancada mira cara ao palco para esixir responsabilidades polo pobre rendemento de varias pezas do equipo, pero o director deportivo non sente que o seu posto corra perigo. "Eu traballo para facer o mellor para este club. Cando as cousas van mal hai esa presión que teñen os clubs grandes e cando van ben é a tranquilidade total. A presidenta sabe que estou a disposición para facer o mellor para o club", rematou.