Rivais de Primeira para Poio Pescamar e Marín Futsal nos oitavos de final de Copa

Poio
29 de novembro 2024
Actualizado: 16:09

O Poio Pescamar e o Marín Futsal xa saben cal será o seu último escollo cara á fase final da Copa da Raíña, tras o sorteo este venres dos 1/8 de final do torneo

Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña / Cristina Saiz

Xa se coñecen os emparellamentos de 1/8 de final da Copa da Raíña de Fútbol Sala, tras o sorteo celebrado este venres na sede da Real Federación Española de Fútbol.

Tanto o Poio Pescamar como o Marín Futsal están a un só partido da fase final a oito da competición do próximo mes de maio, tras eliminar esta semana a Penya Esplugues e Leganés respectivamente, equipos da Segunda División.

Agora os dous conxuntos pontevedreses terán a un rival de Primeira no seu camiño cara a esa ansiada fase final.

Peor sorte dos dous tivo o Poio Pescamar, por ter que xogar fóra da casa e tamén por facelo cun dos equipos da zona alta da táboa como é o AD Alcorcón.

Trátase dun duelo entre dous aspirantes ao play-off polo título de liga, co equipo madrileño cuarto e o conserveiro quinto na táboa.

Tamén se medirá contra un rival ligueiro directo o Marín Futsal, no seu caso pola permanencia, aínda que o cadro marinense terá o privilexio de xogar a eliminatoria na casa, no pavillón da Raña.

O seu adversario será o Móstoles, equipo co que está empatado a 9 puntos en liga.

Os oitavos de final da Copa da Raíña xogaranse a partido único os días 17 e 18 de decembro.