O Pontevedra Club de Fútbol non poderá contar co seu máximo goleador, Dalisson de Almeida, no partido deste domingo 2 de febreiro (12.00 horas) en Riazor fronte ao Fabril.
Así o recoñeceu este venres Yago Iglesias, valorando as molestias que arrastra o 18 granate e que lle impediron adestrar con normalidade ao longo da semana.
"Non contamos con el para esta fin de semana", afirmou o técnico defendendo que "temos que ser cautos" e non arriscar coa súa volta antes de tempo.
"El non atopa ou non ten unhas sensacións moi boas, e no club queren facerlle algunha proba máis concreta", explicou Iglesias.
"Estamos a esperar que os servizos médicos nos dean unha valoración 100% verídica do que realmente é para, a partir de aí, xa plantexar prazos e data de volta co equipo", completou o adestrador.
Pero se Dalisson é unha noticia amarga, a boa é o regreso tras a súa lesión de Chiqui, tendo completado a semana de traballo co grupo. No seu caso "as sensacións son moi boas", avanzou Yago, polo que o extremo estará dispoñible para o duelo na Coruña.
Un partido doutra banda que no que o Pontevedra se medirá a un Fabril que "a tempada pasada salvouse na penúltima xornada, pero creo que este ano está a competir ás mil marabillas".
Ademais nun "escenario moi bonito, que cremos que a nós tamén nos ilusiona e e nos motiva".
Por iso a pesar de esperar un choque "igualado", Yago Iglesias afirma que "imos con toda a ilusión do mundo, como sempre, a polo tres puntos e a seguir no máis alto".