Rías do Sur volve pechar ao non poder facerse cargo a Fundación "do groso dos gastos que conleva"

Pontevedra
23 de novembro 2022

Dous dos clubs que alí adestran, o Natación Galaico e o Galaico Sincro, aseguran que "se nos pediu que afrontemos unha parte dos gastos para que as instalacións puidesen seguir funcionando e así realizar os entrenos, pero estes gastos son inasumibles". Se ninguén o remedia a instalación botará o peche o 30 de novembro

Piscina olímpica de Ponte Muíños esperando a ser enchida
Piscina olímpica de Ponte Muíños esperando a ser enchida / Fundación Rías do Sur

Inesperado paso atrás no futuro do Complexo Deportivo Rías do Sur e a súa posta ao dispor dos clubs e deportistas federados da cidade.

A Fundación Rías do Sur comunicou aos clubs que alí adestran actualmente que pechará as instalacións o 30 de novembro "por non poder facerse cargo do groso dos gastos que conleva o mínimo funcionamento", explican nun comunicado dous das entidades afectadas, o Club Natación Galaico e o Galaico Sincro.

"Pedíusenos que afrontemos unha parte dos gastos para que as instalacións puidesen seguir funcionando e así realizar os entrenos, pero estes gastos son inasumibles por parte de clubs deportivos que se basean economicamente en subvencións de institucións e no esforzo dos socios", aseguran.

Cabe destacar que tras o peche decretado en abril pola empresa Supera, o complexo deportivo de Ponte Muíños volveu abrir tras orde xudicial a principio do curso deportivo antes mesmo da que concesionaria chegase a un acordo para renunciar aos anos que lle restaban de explotación. Nese momento a Fundación asumiu o mantemento do centro poñendo en marcha a piscina pequena de 25 metros e á espera de que a seca permitise encher e quentar, con enerxía de Ence, o vaso da piscina olímpica.

Agora, cando todo ese asunto parecía solucionado, vólvese dar un paso atrás á espera de determinar cal pode ser o camiño nos próximos meses, tendo en conta que a intención de Rías do Sur era buscar de novo unha empresa a medio prazo que asumise a xestión completa do centro.

En canto ao comunicado do Natación Galaico e o Galaico Sincro, ambos os dous aseguran que esta situación "conlevará practicamente á desaparición de dous importantes clubs da natación galega, en cada unha das nosas disciplinas, tal e como os coñecemos hoxe en día" xa que "nos estamos vendo obrigados a realizar os adestramentos de campionatos tanto a nivel nacional como rexional nunhas condicións que non nos permiten competir en igualdade de condicións cos demais clubs participantes".

Por todo iso piden a implicación do Concello de Pontevedra "para que non deixen morrer o deporte de auga da cidade en xeral e aos nosos clubs en particular, a propósito da existencia dunhas instalacións idóneas das cales nos poderiamos beneficiar todos os clubs de Pontevedra".