Reunión entre o PP e os clubs afectados polo peche de Rías do Sur para "buscar solucións conxuntas"

Pontevedra
03 de decembro 2022

Os clubs afectados polo peche, coincidiron en que a situación é "límite" e hai que atopar unha solución "urxente" para poder adestrar con normalidade e non ter que depender doutras instalacións xa que, senón, "é probable que asistamos á desaparición destes clubs e do deporte de auga en Pontevedra", recalca Juncal

Reunión do PP cos clubes afectados polo peche de Rías do Sur
Reunión do PP cos clubes afectados polo peche de Rías do Sur / Partido Popular

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e o concelleiro e responsable da área de deportes, Guille Juncal, reuníronse esta semana con representantes do CN Galaico, Galaico Sincro e Waterpolo Pontevedra para buscar solucións ao peche das complexo Rías do Sur.

Os clubs afectados polo peche, coincidiron en que a situación é "límite" e hai que atopar unha solución "urxente" para poder adestrar con normalidade e non ter que depender doutras instalacións xa que, senón, "é probable que asistamos á desaparición destes clubs e do deporte de auga en Pontevedra", recalca Juncal.

De feito, algúns deles póñense como data máxima este mes de decembro para atopar algunha solución que lles permita adestrar algo que, para os populares, está en mans do Concello ao considerar que "é o que se ten que encargar de buscar arranxar a situación".

"Desde o PP xa intercedimos entre estes clubs e outras administracións e institucións e contribuímos a poder, dentro do complexo da situación, dar solucións provisionais ao seu problema", destaca o concelleiro, que cre que "hai boas intencións pero poucas solucións ante un problema que segue enquistado desde hai meses".

Insiste en que "Pontevedra non pode permitirse dar as costas e ser mero espectador ante unha circunstancia que afecta directamente a clubs históricos da nosa cidade e recoñecidos a nivel nacional e internacional".