Retoques finais ás obras de Pavillón Municipal dos Deportes

Pontevedra
04 de outubro 2022

"Imos xustos de tempo, é certo, pero temos que telo terminado este xoves para iniciar a montaxe dos Mundiais de loita", recoñeceu este martes o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, nunha visita á instalación. Tras os campionatos de loita, que finalizan o 23 de outubro, os equipos da cidade poderán volver usar o Pavillón Municipal

Retoques finais nas obras do Pavillón Municipal dos Deportes
Retoques finais nas obras do Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

Fíxose de rogar pero o Pavillón Municipal dos Deportes está listo, a falta duns últimos retoques, para volver á actividade tras as obras de mellora acometidas coa renovación da pista de xogo e accións de accesibilidade.

"Imos xustos de tempo, é certo, pero temos que telo terminado este xoves para iniciar a montaxe dos Mundiais de loita", recoñeceu este martes o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, nunha visita ás instalacións.

Estes campionatos, empezando polo Mundial da modalidade de Grappling (12-15 outubro) e continuando cos Mundiais Sub-23 de Loitas Olímpicas (17-23 de outubro), necesitan dunha serie de infraestruturas, polo que "o compromiso da empresa é que mañá (mércores 5) todo o que é necesario que estea terminado estará terminado, basicamente a zona perimetral e a zona de entrada. Logo se dá tempo pintarase o que falta do terreo de xogo pero se non quedará para despois", asegura o edil.

Este último detalle, o pintado da pista, é o que marcará a data definitiva de posta ao dispor do Pavillón Municipal para os clubs da cidade, pero en todo caso "en canto termine o Mundial de loita xa poderían utilizalo os equipos. Se non dá tempo a pintar agora a pista habería que terminalo, pero sería xa cuestión de días a partir de que terminen os mundiais", confirma o responsable muncipal de Deportes.

Ademais dos equipos que, como o Cisne na Liga Asobal, volverán xogar os seus partidos en casa no Municipal (o Cisne regresará o 5 de novembro fronte ao Bidasoa), o principal pavillón da cidade acollerá ata final de ano varios eventos máis, como Campionato Internacional Cidade de Pontevedra de taekwondo (29 de outubro a 1 de novembro) ou os Campionatos de España de Karate Sub-21, Júnior e Cadete (25-27 de novembro).