A ilusión e as ganas de realizar un bo papel son o denominador común dos tres deportistas da comarca que estarán presentes desde este mércores 15 de maio e ata o domingo día 19 no Campionato do Mundo Absoluto de Taekwondo que se celebra na localidade inglesa de Manchester.
"É o meu primeiro Mundial e paréceme algo moi grande. Así que so penso en dalo todo e chegar ata onde poida", asegura a pontevedresa Sara Cortegoso (Mace Sport), que competirá na categoría de -46 quilos.
Aos seus 20 anos e tras tres participacións no Europeo, afronta a súa primeira presenza mundialista con "moitísima ilusión, tamén nervios e un pouco de medo, pero a ilusión sempre gana", sinala. Ela será a primeira en entrar en competición este mesmo mércores.
A segunda en liza será a marinense Arlet Ortiz (Mat's), o venres 17 na categoría de -57 quilos. "É unha oportunidade pola que levo moito tempo loitando, porque unha cousa é un mundial júnior e outra moi distinta un sénior e cambiando a unha categoría de peso olímpica", explicou con ambición a deportista, de só 17 anos.
A participación pontevedresa e galega pecharaa Iván García (Mat's de Marín) en -87 quilos, onde o principal favorito é o ruso Vladisla Larin, número 1 da clasificación mundial, ademais dos representantes de Irán ou Korea.
"Despois de como foi a tempada a nivel de resultados e rendemento, penso que pode saír ben. Atópome nun bo estado de forma", recoñece Iván, que non quere marcarse máis obxectivos que "gozalo e aprender" tentando pasar as máximas roldas posibles.
No Campionato do Mundo Absoluto de Taekwondo competirán un total de 975 deportistas procedentes de 150 países.