A estación de esquí de Pal Arinsal, en Andorra, será escenario desde este próximo mércores 28 de agosto e ata o domingo 1 de setembro do Campionato do Mundo de Ciclismo de Montaña (MTB) para as súas diferentes modalidades.
Alí estará unha representante do ciclismo pontevedrés, a júnior marinense Lorena Patiño, actual campioa de España de Cros Country Olímpico (XCO).
Será a primeira experiencia mundialista de Patiño nesta modalidade de XCO, tras participar no inverno no Mundial de Ciclocrós celebrado na República Checa, no que finalizou no posto 24.
A ciclista do XSM de Marín foi citada pola Selección Española para competir na carreira júnior feminina que terá lugar o venres día 30 de agosto, nunha cita ilusionante á que acode co obxectivo de protagonizar un bo papel. Ademais ten opcións de participar no Team Relay.
En Andorra o ciclismo galego tamén estará representado por Alejandro García (Academia Postal - Maceda) na proba de XCO júnior masculina e por Ángel Suárez (Frameworks) no descenso.