O Pontevedra Club de Fútbol reármase tras a decepción sufrida o domingo ante o Ourense CF, e xa mira cara á próxima xornada de liga no feudo do RC Deportivo Fabril (domingo 28, 12.00 horas).
Trátase dun partido no que os granates estarán obrigados a gañar para apurar as súas xa mínimas opcións de ascenso directo tentando chegar así á última xornada na casa aínda con posibilidades. Para iso ademais dos tres puntos será necesario que o Ourense non gañe o seu encontro contra o xa descendido Real Oviedo Vetusta.
En todo caso os pontevedreses tamén deben recuperar a concentración e o nivel competitivo para non deixar escapar, canto menos, a segunda praza de cara ao play-off de ascenso, un posto que daría vantaxe de campo nas eliminatorias e tamén o pase no caso de empate. Co Zamora 5 puntos por detrás e o average a favor do Pontevedra, un empate sería suficiente para iso.
O plantel, que este luns tivo xornada de recuperación e o martes o habitual descanso, debe 'resetear' para centrarse na competición que aínda resta por afrontar, xa que o obxectivo do ascenso segue sendo posible á fin e ao cabo.
O 'reseteo' será necesario tamén para unha afección á que se lle facilitará o desprazamento á cidade deportiva de Abegondo para apoiar o seu equipo.
O Pontevedra confirmou que, co apoio da empresa 7Play, pon ao dispor dos seguidores unha viaxe gratuíta en autocar, tendo unicamente que abonar os interesados os 10 euros da entrada ao partido, sen distinción de prezo por idade.
En total o club granate recibiu 90 entradas para este choque, que poderán adquirise nas oficinas de Pasarón ata o vindeiro xoves día 29.
En canto ao autocar de afeccionados, de completarse as prazas, ten previsto partir desde o Pavillón Municipal dos Deportes ás 9.45 horas da mañá do domingo para regresar á conclusión do encontro.