A Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía de Arousa sinalou cales son as súas prioridades para 2025 dentro do plan de mellora de infraestruturas deportivas.
Neste sentido a Fundación sinala como unha 'actuación preferente' a renovación das pistas de atletismo de Fontecarmoa.
Trátase dunha actuación que incluiría melloras de diferente índole en todo o recinto, non só na propia pista.
Todo, afirma o goberno local, co obxectivo de adaptar as instalacións de Fontecarmoa ás esixencias da Real Federación Española de Atletismo para acoller competicións oficiais.
Ademais a fundación que dirixe Carlos Coira considera fundamental a rehabilitación do pavillón de Bamio, en mal estado tras ser utilizado para fins distintos aos estritamente deportivos.
Son, aseguran, dúas demandas históricas de clubs deportivos e asociacións veciñais.
Segundo avanza o Concello de Vilagarcía os técnicos municipais atópanse actualmente avaliando o alcance necesario das intervencións para, unha vez finalizado o proxecto, buscar consignación orzamentaria para licitar as obras.
No que respecta ao pavillón de Bamio, o goberno local afirma que escoitará ás asociacións veciñais para buscar un uso axeitado para o recinto deportivo.