O Poio Pescamar rozou a proeza este sábado na visita ao pavillón da Seca do todopoderoso Futsi Atlético Navalcarnero, líder invicto do campionato.
O conxunto conserveiro desmostrou que está para competir cara a cara cos grandes equipos da liga, e de feito chegou a dominar por 2-0 ata que a reacción madrileña no tramo final acabou coa súa resistencia (2-3).
Medíanse o equipo menos goleado da competición (o cadro local) e o máis goleador, augurando un partido de altos voos.
Créronllo desde o inicio as xogadoras adestradas por Luís López-Tulla, que saíron a por todas.
Laura Uña avisou cazando un balón morto ao bordo da área. Respondeu ben a gardameta visitante Balbu, pero nada puido facer apenas uns segundos despois no minuto 8 cun durísimo disparo de Chuli tras un roubo do seu equipo en media cancha que tocou na madeira antes de entrar na portaría e supor o 1-0.
Puideron ampliar a súa renda as vermellas a continuación nunha rapidísima transición, pero Candela con todo a favor e xa dentro da área conectou defectuosamente co coiro nun servizo de Ale de Paz enviándoo fóra.
O dominio era alterno, por fases, pero chegaba con moito máis perigo o Poio Pescamar, que rozou de novo o segundo por medio de Candela.
Tamén puideron Marian e María Sanz marcar para as madrileñas, pero Elena respondeu con seguridade, como fixo Balbu para o Futsi nun man a man fronte a Ale de Paz. Non se moveu o marcardor e chegábase ao descanso con vantaxe mínima para as locais.
A intensidade non decreceu nin un chisco no inicio do segundo acto, que comezou cun bo disparo de Elena Aragón rexeitado pola porteira e outro de Ale de Paz que marchou lixeiramente alto.
Merecía máis premio o Poio Pescamar, pero polo menos o cronómetro xogaba ao seu favor e afanábase para defender o seu valioso botín.
Foi así ata que os colexiados pitaron unha man ao bordo da área madrileña. Ale de Paz tocaba en curto e de novo Chuli conectada un potente disparo para marcar o seu segundo tanto e pór moi de cara o choque co 2-0 a 14 minutos do final.
Agora si o Futsi adiantaba filas para tentar gañar maior protagonismo en ataque, e aínda que o Poio non renunciaba a matar o partido á contra con Martita gozando dunha boa ocasión para iso, o equipo visitante recortaba distancias con 11 minutos por diante cun gol de María Sanz, ao aproveitar o rexeite dunha parada anterior de Elena.
O empate chegaría no minuto 32, cun roubo e disparo de Irene Córdoba que neutralizaba a vantaxe local, e só un minuto despois a mesma xogadora poñía o 2-3 de cabeza tras un saque de banda coa man.
Reaccionaba López-Tulla pedindo tempo morto e apostando polo xogo de cinco. Era xa o todo polo todo, cara ou cruz.
Ale de Paz tivo nas súas botas en dúas ocasiones tiros perigosos, e Elena Aragón a piques estivo de marcar, pero defendeuse con acerto o Futsi Atlético para levar finalmente os puntos da Seca.
Este resultado deixa ao Poio na quinta praza e sen poder asaltar polo momento os postos de play-off.
Partido de liga entre Poio Perscamar e Futsi Atlético na Seca