Remontada épica do Pontevedra para seguir soñando co ascenso (3-1)

Pontevedra
19 de maio 2024

Sufrindo, como é habitual, o Pontevedra Club de Fútbol gañou ao Deportivo Aragón e avanza á seguinte rolda da fase de ascenso a Primeira RFEF. O filial do Zaragoza adiantouse no minuto 9 de xogo, Yelko devolveu o empate e Toño Calvo entrou no segundo tempo para revolucionar o encontro, anotando os dous goles que deron o triunfo aos granates

Eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Deportivo Aragón en Pasarón
Eliminatoria do play-off de ascenso entre Pontevedra CF e Deportivo Aragón en Pasarón / Cristina Saiz

Sufrindo, como é habitual, o Pontevedra Club de Fútbol gañou ao Deportivo Aragón e avanza á seguinte rolda da fase de ascenso a Primeira RFEF. O filial do Zaragoza adiantouse no minuto 9 de xogo, Yelko devolveu o empate e Toño Calvo entrou no segundo tempo para revolucionar o encontro, anotando os dous goles que deron o triunfo aos granates.

A vitoria non foi sinxela e os granates souberon combater os nervios, tiraron de oficio e arroupados por unha afección que non deixou de animar, regresaron ao seu mellor nivel e lograron o seu obxectivo.

Saíu o Pontevedra desde o minuto uno moi activo en todas as facetas disposto a darlle a volta á eliminatoria. A tensión e os nervios estaban servidos, pero aínda así os granates foron fieis ao seu fútbol e buscaron en todo momento levar o control da posesión e facer dano polas bandas coa velocidade de Bastos e Chiqui.

E con esa idea non tardaron os xogadores de Yago Iglesias en xerar perigo en portería rival. Bastos foise pola dereita e centrou á interior da área, pero Charly non chegou a rematar e reclamou un posible agarrón. Non se cumpriu nin un minuto.

O Pontevedra continuou pisando a área do Deportivo Aragón, pero pecou de falta de pegada en todas as súas chegadas. A primeira, e máis clara, foi cun gran cabezazo de Charly no segundo pau, pero foise desviado.

Estaba a ser dominador o conxunto local e chegou a polémica. Balón dividido en campo do filial zaragozano ao que foron Samu e Juan López. O xogador branco entrou en ferro, pero o colexiado decidiu non pitar nada. Era, polo menos, amarela. A xogada continuou, Pau Sans plantouse ao bordo da área e xutou cruzado, batendo a Edu e deixando xeada á parroquia granate.

Non veu abaixo o conxunto lerezano, e iso que o Deportivo Aragón, coa eliminatoria máis ao seu favor, interrompía o xogo continuamente. Ademais, o cadro arbitral permitía as constantes interrupcións e non só iso, senón que facía a vista gorda cando o Pontevedra reclamaba outro penalti, esta vez a Yelko.

Pero antes diso, os de Yago non cesaran no seu intento de devolver o empate que o metesen de cheo no encontro. Primeiro foi Álex desde a media lúa,  pero xutou moi frouxo. Despois noutra subida pola banda, esta vez con centro de Charly e remate de Yelko que un defensor despexou a córner. Tamén Dalisson, acto seguido, probou sorte cun disparo moi centrado que Acín atallou sen problemas. Ata aí non chegou o perigo que xeraron os granates e continuaron buscando o gol. A máis clara foi tras un gran centro de Álex González que Bastos só tiña que tocar, pero o balón foi demasiado longo e non conseguiu impactar.

Sufrían os zaragozanos, pero de novo nun visto e non visto deron outro susto á parroquia a granate. Acín enviou en longo, Conte gañoulla a Churre e Edu saíu ao medio centro a cortar o esférico. O gardameta estaba completamente vencido e Pau Sans rematou a portería baleira, pero o balón foise lambendo o pau.

Replicó o Pontevedra cunha gran xogada individual de Álex, pero o seu disparo foise moi cruzado. O capitán, pouco despois, centraba cara a Charly, pero tampouco lograba marcar.

Foi entón cando chegou unha das accións polémicas. Dalisson púxoa moi pechada desde a esquina e Acín sacou baixo paus, o balón caeu en Yelko e Juan López derrubouno. O árbitro, de novo, fixo a vista gorda e non pitou nada.

A primeira parte chegaba ao seu fin e o Pontevedra, por fin, logrou o gol do empate. Yelko recortou a Óscar Vacas, acomodou o balón na súa perna dereita e disparou, cruzado, coando o esférico no interior da portería de Acín para poñer en pé á afección granate.

Os locais tiveron a última no desconto cun centro desde a dereita de Garay, Charly deixoulla de cabeza a Álex, pero xutou desviado por pouco.

A segunda metade arrincou da mesma forma que a primeira. Garay enviou o balón á área e Barrachina arroiou a Charly. Terceiro penalti, moi claro, que o árbitro volveu a non pitar.

A tensión palpábase no ambiente, pero ao Pontevedra aínda quedaban 45 minutos para voltear a eliminatoria e non perdía a esperanza. E se a primeira parte fora un monólogo dos locais, a segunda foi un espello. A afección animaba e o Deportivo Aragón víase superado. Bastos púxoa desde a dereita e o balón paseouse pola área ata chegar a Álex. O capitán disparou e Acín sacouna cunha gran estirada. Chiqui colleu o rexeite na liña de fondo, deixoulla a Charly e de novo o gardameta interveu para evitar o segundo gol.

A seguinte acción de perigo foi de Yelko, que a puxo na escuadra e foise fóra por moi pouco. Despois, entre Álex e Chiqui, volvían avisar cunha gran parede pola iquierda que o 11 remataba pero que un defensor lograba sacar baixo paus. Entrou entón Toño Calvo no terreo de xogo e revolucionou o partido por completo. Dalisson centrouna desde a dereita e Acín despexou o remate de Charly. O esférico caeu a Toño e a enchufó no interior da rede.

O Pontevedra xa tiña o partido onde quería e tirou de oficio para administrar o que restaba de tempo e no 89, cando parecía que se ía a chegar á prórroga, o choque dinamitouse. Condución de Toño Calvo e apertura a Dalisson á dereita. Púxolla a Rufo, que tentou rematar de cabeza, pero o balón volveu caer ao 6 e, de primeiras, bateu a Acín para facer o 3-1 e sentenciar a eliminatoria.

O Pontevedra avanza desta forma á seguinte rolda de play-off de ascenso e coñecerá ao seu rival no sorteo deste luns.

PONTEVEDRA CF (3): Edu Sousa, Bastos (Toño Calvo, min. 61), Churre, Mario Gómez, Álex González, Yelko, Chiqui (Guèye, min. 89), Samu, Dalisson, Garay e Charly (Rufo, min. 77).

DEPORTIVO ARAGÓN (1): Guillermo Acín, Alejandro Jay, Pablo Cortés, Pau Sans, Fabio Conte (Johanner, min. 65), Juan López (Diego Hernández, min. 65), Aitor Mañas, Reda Ergouai (Antonio Sola, min. 44), Óscar Vacas, Juan Sebastián e Hugo Barachina (Hugo Pinilla, min. 82)

Goles: 0-1, min. 9, Pau Sans. 1-1, Yelko, min. 38. 2-1, Toño Calvo, min. 67. 3-1, Toño Calvo, min. 90+2.

Árbitro: Francisco Crespo Puente, asistido en bandas por Jaime Campelo Núñez e Borja Mata Sangiao (Cantabria). Amoestaron a Álex González (90+4) e Yelko (60+5) no Pontevedra e a Juan Sebastián (14'), Johanner (72') e Óscar Vacas (81') no Deportivo Aragón. Expulsaron con vermella directa a Yago Iglesias (28') e amoestaron ao adestrador de porteiros do Pontevedra, Moncho Martínez (90+4).

Incidencias: Partido de volta da primeira rolda play-off de ascenso a Primeira RFEF entre Pontevedra CF e Deportivo Aragón disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 6.568 espectadores. Os equipos de fútbol base do Pontevedra CF que quedaron campións da súa liga ou lograron o ascenso de categoría saltaron ao terreo de xogo no descanso para recibir os aplausos da afección granate