Primeira vitoria a domicilio para o Poio Pescamar esta tempada con remontada incluída. O cadro conserveiro deu a volta a un 2-0 inicial do Viaxes Amarelle cos goles de Dani Sousa, Rocío Gómez e Luci Gómez na segunda parte.
Comezou o partido cunha presión alta por parte de ambos os conxuntos, aínda que era o Poio o que se facía coa posesión e tentaba zafarse como boa podía do empuxe do Viaxes Amarelle.
Chegou o primeiro tanto local ao redor do minuto 12. Carol Agulla enviou un balón longo á área e Luci Gómez tentou despexar coa cabeza, con tan mala fortuna que acabou no interior da rede.
O cadro vermello buscou o gol do empate, pero o Amarelle non estaba disposto a dar ningún tipo de opción. De feito, case sobre a bucina, ampliaron a renda cun gol de Clàudia Lobo que poñía o 2-0 ao descanso.
Unha vez iniciado o segundo acto, o Poio Pescamar púxose o mono de traballo e conseguiu recortar disferencias cunha maxistral volea de Dani Sousa á saída dun córner.
Viñeron arriba as vermellas e non deixaron tempo para a reacción ao cadro local e, apenas uns segundos despois, Rocío poñía o 2-2 no marcador cun disparo cruzado.
O Poio non cesou en buscar o tanto da vitoria e as ocasións empezaron a sucederse sen parar, mentres o Amarelle gozaban dalgunha que outra oportunidade para poñerse outra vez por diante.
Con todo, no ecuador da segunda metade, Luci Gómez enchufaba o balón pola escuadra e adiantaba, por primeira vez, ao conxunto conserveiro.
Aínda quedaba moito partido por diante, e as herculinas querían, polo menos, rascar un punto na súa casa. Tentárono co xogo de cinco con Cris nos últimos minutos, pero a defensa férrea do Poio Pescamar evitou o tanto rival para facerse coa súa primeira vitoria fóra da Seca nesta tempada.
VIAXES AMARELLE FSF (2): Leti Rojo, Cris Lourés, Èlia Gullí, Lau Doce e Clàudia Lobo (quinteto inicial). Tamén xogaron, Carol Agulla, Marta Hermo, María Gómez, Daryna Tkachenko.
POIO PESCAMAR (3): Sandra Buzón, Rocío, Marta Peñalver, Martita e Laura Uña (quinteto inicial). Tamén xogaron, Dupuy, Luci Gómez, Anna Escribano, Dani Sousa, Irene.
Incidencias: Sagrada Familia. Partido arbitrado por Lydia Crespo Pardo e Marcos Pérez Rodríguez. Amoestaron a Cris Lourés do Viaxes Amarelle FSF e Anna Escribano do Poio Pescamar FSF.
Goles: 1-0, min. 12 Luci Gómez (propia porta). 2-0, min. 19 Clàudia Lobo. 2-1, min. 22 Dani Sousa. 2-2, min. 23 Rocío Gómez. 2-3, min. 32 Luci Gómez.