Remontada e liderado para o Pontevedra ao vencer ao Arosa (2-1) nun derbi eléctrico

Pontevedra
23 de novembro 2014

Os dous equipos deron mostras máis que sobradas da motivación coa que afrontaban o partido. A primeira parte deixou a sensación de que o Pontevedra xogou ao que puido e o Arosa ao que sabe e o fai ben. A segunda parte foi outra historia e nela os granates encontraron o xusto premio da vitoria para o equipo que máis fixo por obtela e ese foi o local

Jorge consegue con este remate o gol da vitoria do Pontevedra sobre o Arosa en Pasarón
Jorge consegue con este remate o gol da vitoria do Pontevedra sobre o Arosa en Pasarón / Diego Torrado
Análise da remontada por parte do adestrador do Pontevedra C.F /

Elevado ritmo. Iniciativa granate e perigosas contras visitantes. Foron as claves dun derbi que volveu deixar de manifesto que o Pontevedra ten un dos seus puntos débiles na falta de equilibrio táctico no centro do campo, especialmente á hora da recuperación tras perda ou de facer balance defensivo, pero tamén de que o espírito de loita mostrado é capaz de suplir con éxito esas lagoas.

Sen nada que reprochar no aspecto de loita e entrega, no que os dous equipos deron mostras máis que sobradas da motivación coa que afrontaban o partido, a primeira parte deixou a sensación de que o Pontevedra xogou ao que puido e o Arosa ao que sabe e o fai ben. A segunda parte foi outra historia e nela os granates encontraron o xusto premio da vitoria para o equipo que máis fixo por obtela e ese foi o local.

Con dous estiletes arriba como Javi Pazos e Quique Cubas. Mordendo atrás, apoiados na permisividade arbitral que deixou xogar ás veces en exceso, os de Piscis saían como balas cada vez que conseguían roubar no bordo da súa área propia. Se esa saída pasaba polas botas de Adrián Camiño, o perigo estaba servido e o susto para a parroquia local tamén.

Antes o Pontevedra exerceu de local. Chegando moito e con velocidade, aínda que sen excesiva precisión. Intentouno Pablo Carnero antes de que se cumprise o primeiro minuto de xogo. Encontrou a resposta de Jorge Pérez, ben colocado. E conseguiuno Jorge, pero o seu remate (minuto 9) que rematou no fondo da rede sería invalidado por claro fóra de xogo.

Logo chegaría o primeiro aviso arosista, minuto 12. Como non, a través das botas dun activo Quique Cubas. Levouse o balón aos tropezóns, pero cando se dispoñía a rematar a pracer Campillo crúzase evitando o gol.

Foi o anticipo do que viría a continuación. Yago Pérez comete falta sobre Mouriño ao bordo da área propia, minuto 18. O árbitro non sinala nada e os arosistas aproveitan o pésimo balance defensivo local para montar unha contra fulminante. Adrián Camiño fixo medio gol filtrando o pase ás costas de Campillo. Javi Pazos fixo o outro medio, aproveitando o regalo do seu capitán e batendo a Edu no man a man.

Pablo Carnero intentou arranxalo, pero o seu remate marchou fóra. O Pontevedra seguía dominando territorialmente a un Arosa que se encontraba no escenario desexado: en vantaxe e con posibilidade de saír en velocidade á contra. E case volve a marcar antes do descanso, minuto 39. Foi unha dobre ocasión para Nando e Quique Cubas. Entre a defensa e Edu evitaron o segundo.

Luisito realizou dous cambios ao comezo do segundo tempo. Un obrigado, por lesión de Campillo. Outro buscando máis presenza en banda, retirando a Jacobo. Entraron Pablo e Centrón. E comezou o acoso constante sobre a área arosista.

Mentres o Arosa repregaba e trataba de parar o partido rompendo o ritmo con faltas, a partir dunha intensidade defensiva favorecida por unha arbitraxe permisiva que os arlequinados leron mellor que os granates.

Pero esa intensidade tivo unha lagoa superada a hora de xogo. Foi un corner lanzado por Mouriño sen moito perigo, pero que nin defensa nin porteiro arosista acertaron a despexar. Capi encontrouse o coiro só, no segundo pau, conseguindo o empate.

Os granates acariciaron o segundo pouco despois. Foi unha gran xogada de Pablo Carnero que puxo un centro de luxo. Jorge Pérez voou para sacar da cabeza do seu homónomo Jorge un balón con selo de calidade.

O partido cambiara e fixérao radicalmente. Agora era o Arosa quen xogaba a mercede e ao ritmo que marcaba un Pontevedra crecido, que ademais culminaría a remontada cun gol nacido e elaborado coas armas do seu rival. Corría o minuto 68 cando Pablo Carnero recibe un balón de costas no centro do campo. Tras controlar habilita á media volta un gran pase en profundidade abrindo á banda para a carreira de Centrón quen pon un balón soberbio ao segundo pau onde aparece Jorge para remachar desmarcado.

Intentou irse arriba o Arosa. Fíxoo con xenio e orgullo, pero a custa de deixar espazos para que agora fosen os granates os que buscaran sentenciar á contra. E case o logran, pero Tubo rematou frouxo de cabeza un centro de Pablo Carnero. Os de Piscis dominaron na recta final, pero sen conseguir crear claras ocasións para o empate, aínda que si levar a inquietude á bancada que ao final celebrou vitoria e liderado.

PONTEVEDRA CF (2): Edu (2); Adrián (2), Campillo (2), Capi (2), David Feito (2); Tubo (2), Kevin Presa (2), Mouriño (2), Jacobo (1); Pablo Carnero (3) e Jorge (2).

Substitucións: Pablo (2) por Campillo, minuto 46. Centrón (2) por Jacobo, minuto 46. Benja (2) por Jorge, minuto 78.

AROSA SC (1): Jorge Pérez (2); Juanjo (2), Martín (2), Pablo Rivas (2), Nano (2); Nando (2), Yago Pérez (2), Adrián Camiño (3), Pablo Vázquez (1); Javi Pazos (2) e Quique Cubas (2).

Substitucións: Eloy (1) por Pablo Vázquez, minuto 71. Juan Rodríguez (s.c.) por Juanjo, minuto 80.

Árbitro: Breogán Antón Martínez Vila (Ourense), auxiliado nas bandas por José Ramón Jardón González e Carlos Quintas Lorenzo. Amoestou a Mouriño, polo Pontevedra, e a Yago Pérez, Pablo Rivas, Javi Pazos, Juanjo e Nando, polo Arosa.

Goles: (0-1) Minuto 18: Javi Pazos. (1-1) Minuto 61: Capi. (2-1) Minuto 68: Jorge.

Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón. Uns 2.000 espectadores, con numerosa presenza de afeccionados arosistas.