Poida que sexa unha das baixas que máis sintan os afeccionados do Pontevedra CF, que anunciaba na tarde deste mércores que Toño Calvo deixaba a disciplina granate tras finalizar o seu contrato e que non seguiría baixo as ordes de Yago Iglesias.
Fichado o pasado verán, procedente do Talavera, a verdade é que Toño Calvo nunca chegou a ter a plena confianza do técnico, que apenas lle concedeu oportunidades e moito menos continuidade, a pesar de que sempre que contou con minutos no equipo mostrara un nivel máis que aceptable, pero por encima de todo unha entrega, comportamento e actitude exemplar.
A súa sensacional actuación no partido de volta da eliminatoria contra o Deportivo Aragón, no que a súa presenza no campo foi clave para a remontada, con dous goles decisivos que deron a clasificación para a rolda final polo ascenso, fixeron pensar na posible renovación, pero finalmente o centrocampista madrileño vaise despois dunha soa tempada na que participou nun total de 26 partidos, aínda que só 6 como titular, conseguindo 4 goles.