Reforzos de inverno no Pontevedra? Charles esconde as súas cartas: "Pode ser que si, pode ser que non"

Pontevedra
25 de decembro 2023

Algo máis de seis meses despois de asumir o seu novo cargo e a poucos días de que abra oficialmente o mercado invernal de fichaxes, o xa para todos os efectos secretario técnico do Pontevedra Club de Fútbol ofrece unha entrevista a PontevedraViva para analizar a actualidade da entidade granate

Charles, na presentación de Yago Iglesias como adestrador do Pontevedra
Charles, na presentación de Yago Iglesias como adestrador do Pontevedra / Mónica Patxot

Algo máis de seis meses despois de asumir o seu novo cargo e a poucos días de que abra oficialmente o mercado invernal de fichaxes, o xa para todos os efectos secretario técnico do Pontevedra Club de Fútbol, Charles Dias, ofreceu unha entrevista a PontevedraViva para analizar a actualidade da entidade granate. Haberá reforzos? Pensa xa no verán e nos xogadores que acaban contrato? Pediulle algo Yago Iglesias? Subirá Guèye ao primeiro equipo?. O brasileiro responde.

- Pasados uns meses da túa retirada e con traballo de despacho, como te estás a sentir?

Cada día vou sentindo mellor, vou gañando experiencia en cousas. Non é fácil, pero aos poucos estou a coller ritmo.

- Pasaches de que te presentasen como integrante da secretaría técnica a que se refiran a ti como secretario técnico a todos os efectos, o traballo aí estase vendo recompensado? 

A verdade é que si, pero aos poucos. Cada día vou sabendo máis cousas, cada día que pasa vou a máis. Como estivera máis de 20 anos a nivel profesional pensaba que sería máis sinxelo pero non, é todo moi diferente do fútbol, só cando fas o cambio ves a diferenza.

- Polo menos os primeiros meses acaban co equipo líder. Que valoración fas da primeira parte da tempada?

O equipo vai terminar o ano líder, e para ser o meu primeiro ano a verdade é que estou moi contento, con todo, cos xogadores, co staff técnico, coa xente do club que traballa, os que fan o traballo que non se ve, moi contento con todos.

- Supón iso menos urxencia ante unha xanela de fichaxes como a que abre o 1 de xaneiro?

Pedíu Yago algo para xaneiro? "Non, por agora non (risas)"

 

Afróntoo claro con menos presión, vendo como está todo, falando co adestrador tamén, ver que necesitamos. Estamos tranquilos pero esperando a ver que pasa.

-Pedíu Yago algo para este mes de xaneiro?

Non, por agora non (risas).

- Con todo o plantel san tras a volta de Marcos Barbeiro e o equipo como vai... Podemos esperar algún movemento?

Pode ser que si, pode ser que non (ri de novo), non sei se che contesto a pregunta. Eu estou moi contento con todos, e os xogadores creo que tamén o están, nun nivel moi alto. Hai que seguir así.

"Nin un só xogador veu a falar connosco dicindo que non estaba contento"

- Ás veces os movementos en xaneiro veñen obrigados porque algún futbolista non está contento e pide saír, deuse esa situación?

Nin un só xogador veu a falar connosco dicindo que non estaba contento. Polo menos por agora. Nós estamos contentos con todos.

- É inevitable preguntar unha vez máis polo caso Libasse Guèye, hai opcións de que suba ao primeiro equipo?

Por agora Libasse é xogador do filial. É xogador do Pontevedra claro, pero imos esperar para ver. Non digo nin que si nin que non porque é un xogador do club, pero por agora vaise a quedar no filial.

"Por agora Libasse é xogador do filial"

- Máis aló do mes de xaneiro, traballas xa pensando tamén no próximo verán? Sobre todo no que respecta a xogadores que acaban contrato e cos que se pode empezar a falar.

Si claro, un ten que estar ao tanto de todo, vendo o mercado como está, que é o que necesitamos e falando co adestrador, a presidenta... Parece que non se están a facer cosas pero estamos a traballar ben, pero son cousas que temos que falar entre nós. Por agora todo vai ben.

- En todo caso hai unha boa base de xogadores con contrato ata o ano que vén (sete con vinculación ata 2025

Correcto, e hai algúns tamén que aínda que terminan contrato tamén son da casa. Temos unha moi boa base.

- Deixando o primeiro equipo. ¿Preocupa máis o filial ao estar en zona de descenso en Terceira RFEF? ¿Por aí podemos esperar máis reforzos?

Si, pode ser que si. A min preocúpame todo. Con este novo traballo un ten que estar a todo. Infelizmente o noso filial non está tan ben, o xuvenil tampouco está como queriamos pero estamos a traballar para que as cousas melloren. 

- Para acabar, o club púxose a traballar para mellorar o céspede de Pasarón, preocúpate velo así despois do investimento feito polo club?

Si, claro que nos preocupa, sobre todo pola maneira que xoga o noso equipo, que é un fútbol rápido, gústanos ter o balón e se o céspede está mal prexudícanos. Pero bueno o clube está a facer un esforzo grande para que o céspede mellore. Agora temos un parón, non xogamos ata o 21 de xaneiro na casa e creo que aí o céspede terá melloría.