Reforzo de Primeira División para pechar o plantel do Arosa

O Salnés
01 de setembro 2021

O conxunto vilagarcián pecha sobre a bucina do peche do mercado de fichaxes a incorporación do mediocentro defensivo de 32 anos Alberto Martín procedente do Recreativo de Huelva

Alberto Martín, nova fichaxe do Arosa
Alberto Martín, nova fichaxe do Arosa

O Arosa pechou sobre a bucina do mercado de fichaxes a incorporación do centrocampista estremeño Alberto Martín Romo. Trátase dun mediocentro defensivo de 32 anos con experiencia en Segunda e Primeira División, á que ascendeu en dúas ocasións e na que acumula 16 partidos xogados, así como 102 na categoría de prata e 121 na de bronce. 

Alberto Martín formouse no equipo da súa cidade natal, o CD Don Benito, despois pasou polo filial do Almería, club co que debutou en Primeira División. No ano 2013 asinou co CD Leganés conseguindo ascender co equipo pepinero tanto a Segunda División como a Primeira División. Na súa última tempada no Leganés en Primeira (2016-2017), na que compartiu capitanía con Mantovani, xogou un total de 16 partidos.

No ano 2017 asinou co Granada, xogando en Segunda División na súa primeira tempada no club nazarí un total de 21 partidos e na campaña seguinte, na que conseguiu outro ascenso a Primeira División, participou nun total de 13 partidos.

O novo xogador arlequinado chega a Vilagarcía procedente do Recreativo de Huelva, onde as lesións musculares condicionaron a súa participación a última tempada e media en Segunda B. Alberto Martín rescindiu o contrato que tiña co decano do fútbol español ata 2022 este verán co obxectivo de cambiar de aires e relanzar a súa carreira.

"A pesar de que ten 32 anos non é un xogador que veña de volta, aínda que esta categoría non está dentro do seu rango polo seu nivel futbolístico, vén con moitas ganas de comerse o mundo e de axudarnos", explica o director deportivo Rafa Sáez. Sobre os problemas de lesións que lle lastraron no Recreativo, Sáez explica que "na última parte da tempada xogou, está completamente recuperado".

Alberto Martín ten previsto chegar o venres á capital arousá e incorporarase aos adestramentos cos seus novos compañeiros a próxima semana. "Estou moi ilusionado", di o futbolista. "Non coñezo a zona pero faláronme ben do club e da cidade", engadiu. O novo centrocampista do Arosa vén coas ideas claras. "Desde a miña experiencia tratarei de axudar ao equipo, vivín momentos moi bos no fútbol e outros non tan bos, tratarei de adaptarme canto antes e ser un máis porque todos somos igual de importantes", rematou.