O Pontevedra Club de Fútbol afronta o momento de tomar decisións, empezando por definir o seu proxecto deportivo para Primeira RFEF desde a dirección deportiva e o banco, desvelando quen será o seu adestrador a próxima campaña, pero tamén pensa xa nun mercado de fichaxes ao que deberá acudir para reforzar un plantel no que moitos homes contan con contrato en vigor.
Coa continuidade do bloque que conseguiu o ascenso asegurada, hai varios postos que preocupan na planta nobre de Pasarón e nos que hai intención de reforzarse.
Unha desas demarcacións sería a defensa, pensando na media esta tempada de máis dun gol encaixado por encontro, e outra a portería a pesar de que os dous gardametas do curso recentemente finalizado, Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés, contan cun ano máis de contrato.
Ambos os dous porteiros ocupan praza sénior, pero as bases de competición da Primeira RFEF amparan este movemento sen a necesidade de que salga ningún. Aínda que unha baixa acordada con Cortés ou Cacharrón non se pode descartar ao 100% sobre todo mentres non se coñezan os detalles do novo proxecto, o certo é que o Pontevedra, do mesmo xeito que o resto de equipos da súa nova categoría, poderán gozar dunha ficha extra se se destina a un gardameta, sen importar a idade.
En concreto as bases de competición sinalan que se poderán dar de alta un número máximo de 23 licenzas de futbolistas, aumentable a 24 no caso de tramitar ficha a tres porteiros. Isto afecta tamén ás 17 licenzas máximas de futbolistas sénior, que poderían 18 no caso dun terceiro gardameta.
O resto de fichas, ata as 23 ou 24 máximas, deberán destinarse a xogadores en idade sub-23.
Con esta vía aberta, o Pontevedra pensa na posibilidade de buscar un porteiro con experiencia para competir polo posto, despois dun ano que comezou con Álvaro Cortés como titular ata a entrada de Cacharrón na xornada 6 coincidindo co despegamento do equipo. De feito o lugués non abandonaría xa a condición de titular chegando a disputar 27 partidos de liga nos que encaixou 24 goles. No que respecta a Cortés na súa segunda campaña e Pasarón defendeu a portería granate en 7 xornadas ligueiras, con 11 goles recibidos.