Os Xogos Olímpicos están ao virar a esquina e unha das principais bazas da delegación española para ascender postos no medalleiro afronta a "recta final" da súa preparación. O pentacampeón do mundo de tríatlon e medallista olímpico, Javier Gómez Noya, participou este venres na firma do convenio pola igualdade no deporte da Xunta e aproveitou para facer un repaso dos seus plans nos meses previos ao comezo de Tokio 2021.
"A preparación vai ben, pero hai dificultades para competir da forma que nos gustaría. Os adestramentos seguen avanzando, estou en boa forma, adestrando moi ben e a piques de entrar nesa recta final da preparación que é a máis importante. Tentaremos chegar sans e o máis en forma posible. Teño unha ilusión de coma se fosen os primeiros Xogos Olímpicos, estou con ganas de dar o máximo e veremos onde estamos", explicou con tanta confianza como ambición as súas expectativas sobre a que será, probablemente, a súa última participación nunha cita olímpica.
Para seguir mellorando a súa forma física ten previsto participar en dúas carreiras antes de concentrarse en México para habituarse ás condicións climáticas que vivirá na capital nipoa durante a competición. "Correrei en Leeds, nas series mundiais, despois un gran prix en Francia e pouco máis", confesa o triatleta.
Sobre as súas posibilidades de loitar pola vitoria, Gómez Noya é optimista. "Sigo véndome a moi bo nivel. Véxoo todos os días nos adestramentos. Loxicamente este ano e o pasado competimos moito menos e é difícil saber como están os teus rivais. Supoñemos que a xente segue mellorando pero tivemos poucas oportunidades de enfrontarnos e hai un pouquiño máis de incerteza nese sentido", recoñece.
Os rumores e peticións acerca dunha suspensión dos Xogos pola situación da pandemia da covid-19 tampouco o descentran. "Como deportista estou centrado pensando que se van a facer os Xogos. Se non se fan non depende de nós. Pero temos que ter en mente que se van a celebrar e prepararnos para iso", remata.