Récord de participación na terceira xornada de liga galega infantil de boxeo celebrada en Marín

Marín
03 de marzo 2020

O Team Thunder triunfou no medalleiro e xa prepara o seu asalto á Copa Galicia que tamén terá ao municipio marinense como sede

Participantes da terceira xornada da liga galega infantil de boxeo celebrada no colexio San Narciso de Marín
Participantes da terceira xornada da liga galega infantil de boxeo celebrada no colexio San Narciso de Marín / Team Thunder

O colexio San Narciso de Marín foi escenario a pasada fin de semana da terceira xornada da liga galega de boxeo infantil na que se bateron todos os récords de participación. Máis de 170 nenos e nenas maiores de tres anos foron os protagonistas dunha competición de formas organizada polo Team Thunder e supervisada pola Federación Galega de Boxeo.

Probas de corda, sombra, saco e manoplas foron as que tiveron que superar os participantes para establecer unha clasificación final na que a orde non era o importante senón o feito de que, apuntan desde a organización, esta disciplina "por fin está ben vista, o boxeo xa é un deporte máis e nenos e adultos poden practicalo sen risco e mesmo competir con normalidade", destacan.

Entre os xuíces que ditaminaron os gañadores da xornada atopábase, chegado desde México, o doutor do Consello Mundial de Boxeo, Rodrigo Damián Merlo, quen destacou o bo nivel da canteira galega.

O club marinense foi o que maior número de participantes achegou cun total de 40 deportistas. No medalleiro, destacou Martín Grandío, Kiko Castro e Eloy Barcia ao conseguir cada un unha medalla de ouro. As pratas leváronllas Pablo Lubián, Karl Bartolke e Yohana Jiménez; mentres que o bronce foi para Sofía Soto e tamén Karl Bartolke.

O Team Thunder comeza agora a preparación do evento boxeístico do ano no municipio, a terceira edición da Copa Galicia de Boxeo. Unha competición na que haberá catro superfights, sete combates de copa contra a selección de Biscaia e un combate profesional contra o vigues Kike Rayito García.