Recoñecemento da Federación Galega ao traballo do Waterpolo Pontevedra e Galaico Sincro

Pontevedra
23 de outubro 2024

O club pontevedrés acapara tres do catro premios destinados ao waterpolo que se entregarán na gala anual da Federación Galega de Natación

Javi de Sáa, adestrador do Waterpolo Pontevedra
Javi de Sáa, adestrador do Waterpolo Pontevedra / Club Waterpolo Pontevedra

Moitos anos de traballo incansable converteron o Club Waterpolo Pontevedra nunha referencia para o seu deporte a nivel autonómico.

Non en balde, ademais do seu labor na base, foi o primeiro club galego en aventurarse a competir en categoría nacional, concretamente na Primeira Nacional Feminina. Unha categoría na que encadea a súa terceira campaña consecutiva.

Así se vai a recoñecer na próxima gala anual da Federación Galega de Natación.

A xunta directiva da federación decidiu outorgar o Waterpolo Pontevedra tres dos catro galardóns anuais destinados a esta modalidade deportiva.

En concreto a entidade da Boa Vila recibirá o premio ao Mellor Club Galego Feminino, ao Mellor Club Galego de Base e tamén o de Mellor persoa Técnica de Waterpolo, personalizado no seu adestrador Javi de Sáa.

O único recoñecemento que recala noutro equipo é o de Mellor Club Galego Masculino, que será para o Waterpolo Santiago.

Na mesma gala tamén serán recoñecidos dous deportistas do Club Galaico Sincro, como mellores nadadores masculino e feminina. Trátase de Juan David hernández e Daniela Suárez.

A Gala da Federación Galega de Natación terá lugar o sábado 26 de outubro no Museo Interactivo da Historia de Lugo.