O último partido do ano ante a súa afección para a Sociedade Deportiva Teucro terá un toque solidario coincidindo coa visita do Lavadores deste sábado ao Pavillón Municipal (20:00 horas).
A entidade azul organizará unha recollida de alimentos en colaboración co colexio Doroteas que destinarán a Cáritas.
En canto ao deportivo, será un duelo especial sobre todo para o técnico do Lavadores e ex do Teucro, Luís Montes, que regresará á que foi a súa casa pero sentado no outro banco.
Espérase un partido rifado entre dous equipos que levan tan só un punto de distancia. O Teucro está situado na 12 praza con 9 puntos e o Lavadores na 14 con 8; iso si, no últimos catro partidos os de Irene Vilaboa conseguiron tres de oito puntos posibles, mentres que os vigueses levan catro xornadas sen puntuar.
En todo caso os dous conxuntos buscarán conseguir un triunfo co que despedir o ano e que lles de enerxías para o regreso da competición o 14 de xaneiro.