Recepción municipal a Daniela Suárez, que recibirá a medalla ao mérito deportivo da RFEN

Pontevedra
14 de setembro 2023

A xoven promesa pontevedresa da natación artística, que logrou unha dobre medalla no recente Campionato do Mundo de categoría infantil, recibirá a medalla ao mérito deportivo que outorga a Real Federación Española de Natación

Recepción municipal á nadadora Daniela Suárez
Recepción municipal á nadadora Daniela Suárez / Mónica Patxot

Daniela Suárez, xoven promesa da natación artística pontevedresa, foi obxecto este xoves dunha recepción oficial do Concello tras o seu recente éxito no Campionato do Mundo Infantil.

Na competición celebrada na capital grega, Atenas, a deportista do Galaico Sincro sumou dúas medallas coa Selección Española, concretamente unha prata e un bronce.

Debido a este éxito, a Real Federación Española de Natación decidiu outorgar ás nadadoras implicadas, entres as que se atopa Daniela, a súa medalla ao mérito deportivo.

A entrega desta distinción farase efectiva o vindeiro venres 6 de outubro na Gala Anual da Natación Española que está previsto celebrar na sede do COE.