O Campionato de Europa Junior e Sub-23 preséntase como o próximo reto no horizonte para o piragüismo pontevedrés e en concreto para Raquel Torres.
A padexeira do Piragüismo Verducido será a única representante da comarca na competición que terá lugar entre este xoves 11 e o domingo 14 de xullo no Lago Area de Racice (República Checa).
A cita contará con preto de 700 deportistas de 35 países inscritas, sinto Torres unha das catro galegas incluídas no equipo nacional.
Raquel Torres debutará nas eliminatorias do K-2 500 metros de categoría xuvenil, onde competirá xunto a Aiora Irazu, e unhas horas máis tarde volverá á auga no K-4 500 metros xunto á propia Irazu, Irene Lata e Mercedes Zapata.
Segundo a programación do campionato, o xoves están previstas as carreiras clasificatorias de 1.000 e 500 metros, mentres que o venres espéranse as semifinais de 1.000 e 500 metros e as previas de 200 metros, xa o sábado disputaranse as primeiras finais e o domingo pecharán o Europeo finais de 500 e 200 metros.
A representación galega complétase con Irene Lata (Ría de Betanzos) no K-1 500 xuvenil, ademais do K-2 e K-4; Camila Morrison (Club Náutico Pontecesures) no K-1 500 sub-23; e Carmen Villar (Kayak Tudense) no K-4 500 sub-23.