Os deportistas sénior do Club Bádminton Ravachol Pontevedra demostraron este domingo o nivel do club pontevedrés, obtendo as primeiras medallas do equipo no Campionato Galego Sénior de Bádminton, que se celebrou en Cedeira. A xornada pechouse con tres ouros, unha de prata e catro bronces.
Raquel Miguens destacou ao proclamarse campioa galega sénior tras obter tres medallas de ouro, vencendo en categoría individual e en dobres feminino e mixto coa pontevedresa Eva Nogueira e Javier Rey, respectivamente. Como deportista galega, Miguens demostra así atoparse en plena forma na súa primeira tempada no club.
Pola súa banda, Javier Rey sumou a prata do equipo tras disputar o dobres masculino xunto ao vigués Benjamín Albores, ademais de conseguir o terceiro posto na categoría individual. Abraham Barros tamén obtivo unha medalla de bronce para o club pontevedrés grazas á súa actuación en dobres masculino xunto ao lalinense Luís Veloso. Tamén en mixto, xunto a Eva Nogueira, a parella conseguiu un bronce máis para o equipo.
O medalleiro pontevedrés foi pechado polo tándem formado por Mar García e Pablo Xesteira, co terceiro posto en dobres en categoría mixta.Tras estes resultados, os deportistas miran agora cara ao Campionato de España, que se celebrará en Huelva nos próximos meses.