Raquel Miguens pesca dúas medallas no Campionato de España de Bádminton

Pontevedra
03 de maio 2018

A xogadora do Club Bádminton Ravachol Pontevedra despuntou no Campionato de España Sénior celebrado en Punta Umbría (Huelva)

Raquel Miguens (centro) no podio do Campionato de España
Raquel Miguens (centro) no podio do Campionato de España / Club Bádminton Ravachol Pontevedra

O Club Bádminton Ravachol Pontevedra regresou cun gran sabor de boca do Campionato de España Sénior celebrado en Punta Umbría (Huelva).

Ata a localidade andaluza desprazouse unha única representante do club pontevedrés, Raquel  Miguens, pero fíxose cun botín de dúas medallas, un ouro individual e unha prata no dobres feminino xunto á asturiana Tamara Valcárcel.

No torneo individual Miguens avanzou con contundencia ata a gran final na que se atopou á malagueña Eva Perálvarez. A pontevedresa dominou no inicio, pero o seu rival chegou a forzar o terceiro set obrigándoa a esforzarse ata o final para levar o título.

Pola súa banda no dobres afrontaron un esixente encontro na semifinal ante a galegas María Corral e Vanesa Serrano, do que Raquel Miguens e Tamara Valcárcel saíron vitoriosas, pero non así na final, na que caeron ante as malagueñas Marina Garvi e Verónica Gutiérrez.

Trátase en todo caso das primeiras medallas da historia do club pontevedrés nunha das máximas competicións nacionais.