Ramón Fernández, o mellor do Froiz no Memorial Valenciaga cun noveno posto

Pontevedra
11 de abril 2021

Case un mes despois, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz regresou á estrada para disputar a 50 edición do Memorial Valenciaga, enmarcado dentro da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo. A escuadra alimenticia pechou a súa participación co noveno posto de Ramón Fernández Cuesta

O GD Supermercados Froiz no Memorial Valenciaga
O GD Supermercados Froiz no Memorial Valenciaga / GD Supermercados Froiz

Case un mes despois, o Grupo Deportivo Supermercados Froiz regresou á estrada para disputar a 50 edición do Memorial Valenciaga, enmarcado dentro da Copa de España Elite e Sub-23 de ciclismo. A escuadra alimenticia pechou a súa participación co noveno posto de Ramón Fernández.

Pasada por auga e cunhas condicións meteorolóxicas desastrosas, Nicolás Antorena levaba o sprint especial de Deba, pero todos foron neutralizados. Pablo Alonso escapábase nun grupo de catro con Vicente Hernáiz (Eolo Kometa), Eugenio Sánchez (Lizarte) e Timo de Jong (Telco) en persecución da cabeza de carreira, e a falta de 50 quilómetros para a chegada á meta, o cuarteto alcanzou aos tres escapados, o ciclistas do filial Caixa Rural-Seguros RGA, Marc Brustenga e Mikel Mújica, e a Joseba López do Grupo Eulen.

Xa a 43 quilómetros do final, os sete que ían na cabeza foron cazados e producíronse os primeiros ataques, botando abaixo unha escapada que se decidiu finalmente na ascensión a San Miguel a falta de 9 quilómetros para a meta. Nese momento, os ciclistas do Lizarte impuxéronse con claridade, con Pau Miguel na cabeza, seguido de Igor Arrieta.

O mellor do Froiz foi Ramón Fernández, que escalou postos ata acabar en novena posición, a 2:39 do líder. Pablo Alonso, que chegaba á proba en quinta posición da xeral, finalizou no posto 30.

Tras a celebración das dúas primeiras probas da Copa de España, o Supermercados Froiz descende á oitava posición na xeral por equipos.

A seguinte etapa do circuíto nacional elite- sub23 de estrada celebrarase o 18 de abril coa 37 Clásica Cidade de Torredonjimeno.