Rally do Sur do Condado, unha oportunidade para seguir escalando postos no campionato galego para Alexis Viéitez

Pontevedra
08 de xullo 2023

O piloto pontevedrés, quinto na xeral, quere manter a dinámica positiva iniciada no Rally de Pontevedra

Alexis Viéitez ao volante do seu Nissan Micra N5 no rally de Pontevedra
Alexis Viéitez ao volante do seu Nissan Micra N5 no rally de Pontevedra / Federación Galega de Automobilismo

O Campionato Galego de Rally alcanza esta fin de semana o seu ecuador coa disputa do clásico Rally Sur do Condado. Unha proba na que o pontevedrés Alexis Viéitez tratará de seguir escalando posicións na xeral despois do seu bo papel no Rally de Pontevedra.

Un top 5 conseguido na casa que permitiu ao piloto de Cerdedo-Cotobade escalar ata o quinto posto da clasificación xeral do pilotos do campionato autonómico.

Esta fin de semana dispútase a quinta proba da competición na comarca do Sur do Condado. A carreira está integrada por 12 tramos cronometrados. A organización estima que o primeiro piloto en cruzar a meta de Salvaterra fágao pasadas as 22.30 horas desta noite de sábado.

Un dos aspirantes para conseguir o seu primeiro triunfo sobre o asfalto galego é o especialista da montaña Alexis Viéitez, que ao volante do seu Nissan Micra N5 confía en seguir mellorando o seu rendemento. "É un rally máis no noso proxecto, afrontámolo coa mesma mentalidade de sumar experiencia e desfrutar deste premio que é correr como bolseiros pola FGA. Na anterior proba foi ou meu rally da casa e nesta é a do meu copiloto, así que tentaremos facelo o mellor posible", declara o pontevedrés.

No que vai de tempada, Alexis Viéitez e o seu copiloto Cristian Álvarez lograron terminar tres dos catro rallys disputados, no da Mariña Lucense víronse obrigados a abandonar, pero aínda así marchan quintos na clasificación xeral.