Primeiro traballou durante anos no fútbol autonómico como presidente da Federación Galega, en decembro deu o salto á Real Federación Española de Fútbol asumindo o cargo de presidente e agora faino a nivel europeo.
Rafael Louzán acaba de ser elixido membro do Comité Executivo de UEFA para os dous próximos anos.
Louzán obtivo o apoio maioritario das federacións nacionais de toda Europa durante as eleccións que se celebraron este 3 de abril en Belgrado, dentro do 49º Congreso Ordinario de UEFA.
O representante do fútbol español foi o candidato que máis votos obtivo por diante dos representantes de Israel, Malta, Ucraína e Letonia.
Esta elección supón para o fútbol español volver ter representación no máximo organismo europeo.
No caso do dirixente galego e expresidente da Deputación de Pontevedra, ascende un banzo máis nos órganos de decisión do mundo do fútbol liberado tras a decisión do Tribunal Supremo de absolvelo da causa aberta os últimos anos por un presunto delito prevaricación administrativa.
"A entrada no Comité Executivo da UEFA representa para a RFEF e para España un recoñecemento ao fútbol español, demostrando o seu peso específico en Europa" afirma a Federación Española.
"Supón, ademais, a constatación da senda de estabilidade, normalidade institucional e transparencia da institución que dirixe este deporte en España, embarcada nunha nova etapa que se iniciou o pasado 16 de decembro", afirma o ente nacional en referencia á data na que Louzán converteuse no seu presidente.