Rafa Sáez e o Arosa volverano tentar xuntos

O Salnés
24 de xullo 2020

O técnico pontevedrés chegou a un acordo co club arlequinado para prolongar o seu contrato por unha tempada máis. Tras pelexar polo ascenso a Segunda B 27 anos despois, ambas as dúas partes danse unha nova oportunidade para tentar conseguilo

Rafa Sáez, adestrador do Arosa
Rafa Sáez, adestrador do Arosa / Diego Torrado

Estaban condenados a entenderse, e a verdade é que o acordo se produciu sen demasiada dilación.

Rafa Sáez seguirá sendo o adestrador do Arosa a próxima tempada, na que será a súa terceira campaña consecutiva á fronte do equipo.

O técnico pontevedrés e o club arlequinado confirmaron o acordo de renovación despois dunha tempada que devolveu a ilusión á afección de Vilagarcía, a pesar do cruel desenlace do play-off de ascenso.

O terceiro posto na liga regular e pelexar por regresar a Segunda B 27 anos despois foi un motivo de peso para seguir apostando por un proxecto deportivo que está chamado a volver tentalo o próximo curso.