Ten unha mirada tan franca como o sorriso. Datos que non aparecen nun DNI, pero que falan máis da persoa que un lugar de nacemento ou de residencia. Con iso, dicir que Pablo Dapena González é pontevedrés e o menor de dous irmáns. Comezou con tres anos a practicar natación por prescrición facultativa, para paliar a asma.
"Desde sempre" se subiu á bicicleta e o do atletismo, comezou no colexio, no Sagrado Corazón para máis acenos, onde ademais o seu pai era profesor. O do tríatlon chegou máis tarde, tempranamente tardía poderíase dicir: con 22 anos e cumpridos os 30 ten no seu haber o título de campión de España e campión do mundo de tríatlon en longa distancia. Gustoulle ser xornalista deportivo, pero o deporte agora como triatleta e nun futuro como adestrador - segundo vese el mesmo - levoullo para a súa historia. Na súa mochila leva a licenciatura de Ciencias da Activida Física e o Deporte, formación que o atrapou durante cinco anos na Coruña.
A súa primeira viaxe ao estranxeiro foi Hungría, a través dun Erasmus. Alí coñeceu ao que era o seu ídolo, László Cseh. Enumerar a día de hoxe todos os países aos que tivo que viaxar para competir é un dilatado exercicio de memoria. Adestrar, adestrar e adestrar, ese é o verbo que máis conxuga. E conxúgao en ocasións con outro grande ao que ten como referente: Gómez Noya.
É zurdo de man e destro de pé; ten certas supersticiones previas á competición; 'atractivo, forte e formal' variando a exitosa canción de Loquillo; sen ningún compromiso sentimental porque a súa atención está centrada única e exclusivamente na súa traxectoria deportiva. A avoa Uca, de 91 anos é unha dos seus incondicionais e tan excepcional como o neto, xa que se manexa en redes sociais sen complexos. Repite en varias ocasións durante a charla en PontevedraViva Radio que é de "vea cabezona", seguramente a mesma que lle levará a superar con éxito o que será un grandísimo reto para el: o seu primeiro ironman. Isto é 3.800 metros nadando, 180 quilómetros en bicicleta e os 42 quilómetros dunha maratón.
Identificarédelo sen problema o ano próximo en Pontevedra, cando terá lugar o Campionato Mundial de Tríatlon de Longa Distancia: o seu dorsal será o número 1. 'Pablito Piny', grazas por esta Playlist, un pracer e toda a sorte do mundo en todo aquilo que che propoñas.