Quique Domínguez será o próximo adestrador do Balonmán Cangas

Pontevedra
25 de marzo 2025
Actualizado: 17:59

Despois de cinco anos en Pamplona, aos mandos de Anaitasuna, o adestrador pontevedrés volverá a Galicia para dirixir o Cangas as dúas próximas tempadas

Quique Domínguez, no partido de Asobal entre Cisne e Anaitasuna no Municipal
Quique Domínguez, no partido de Asobal entre Cisne e Anaitasuna no Municipal / Mónica Patxot

O Balonmán Cangas, en plena pelexa por asegurar un posto un ano máis na máxima categoría nacional, confirmou o nome do que será o seu adestrador a próxima campaña en substitución de Nacho Moyano.

O elixido non é outro que o pontevedrés Quique Domínguez, que despois de cinco anos dirixindo o Anaitasuna de Pamplona na Liga Asobal decidiu volver a Galicia.

Todo apunta de feito a que será finalmente un trueque, pois Moyano é o principal candidato a ser o próximo adestrador de Anaitasuna.

"Paréceme un reto ilusionante e chego coa motivación e as ganas de traballar para este club", explicou Quique Domínguez tras facer oficial o acordo o propio Cangas.

De feito o equipo do Morrazo confirmou que o trato será para as dúas próximas tempadas, até verán de 2027.

"É imposible pensar en Cangas sen a súa afección, o ambiente do pavillón e o seu apoio incondicional, tanto na casa como nos desprazamentos. Xa o vivín moitas veces como visitante e agora apetéceme moito formar parte disto como local", explicou o técnico pontevedrés en declaracións ao seu novo club.

Pola súa banda o director deportivo do Cangas, Óscar Fernández, asegurou que Quique Domínguez é "un adestrador que encaixa á perfección coa nosa filosofía: galego, con moita experiencia e que fai xogar moi ben aos seus equipos a través dun balonmán dinámico, intenso e moi competitivo".

Pero iso será a partir do próximo curso, xa que até entón Domínguez seguirá centrado en tentar salvar a Anatasuna do descenso á División de Honra Prata.