Quinto posto para o Ciudad de Pontevedra no Campionato de España Sprint de piragüismo

Pontevedra
08 de xullo 2019

Na competición nacional disputada en Trasona, Avilés, os pontevedreses Adrián e Carla Sieiro (Piragüismo Poio) estrearon o palmarés nas novas probas mixtas sobre 500 metros, no seu caso na canoa

Jaime Duro e Antia Jácome (esquerda) e Adrián e Carla Sieiro (centro) no podio do Nacional Sprint
Jaime Duro e Antia Jácome (esquerda) e Adrián e Carla Sieiro (centro) no podio do Nacional Sprint

Gran actuación do piragüismo pontevedrés no LI Campionato de España Sprint para as categorías sénior,  sub-23 e xuvenil, celebrado durante a fin de semana no encoro asturiano de Trasona, en Avilés.

A nivel de clubs a EP Ciudad de Pontevedra conseguiu unha notable quinta posición na clasificación xeral final, con 948 puntos, sendo o segundo mellor club galego tras o Kayak Tudense (1.553 puntos) que foi terceiro. O vencedor foi o Náutico de Sevilla (2.435 puntos).

En canto á participación individual, destaca a vitoria dos pontevedreses Adrián e Carla Sieiro (Piragüismo Poio Pescamar) para estrear o  palmarés das probas mixtas de 500 metros. Venceron no  C-2 por diante de Jaime Duro e Antía Jácome (Ciudad de Pontevedra).

O Ciudad de Pontevedra sumou ademais o triunfo parcial de Jenifer Casal e Antía Jácome no C-2 200 e no  C-2 500 metros.

Outros resultados destacados foron as tres vitorias do canoísta xuvenil Manuel Fontán (Náutico O Muíño) e o primeiro posto de Tono Campos e Diego Romero (Breogán) no C-2 1.000, terceiros ademais nos 500 metros. O Breogán subiu tamén ao podio co primeiro posto no C-4 1.000, mentres que o K-4 1.000 o Naval de Pontevedra foi segundo e o Piragüismo Vilaboa terceiro. 

Pola súa banda o Piragüismo Poio foi segundo o C-4 200 e no C-2 500 de Álex Bernández e Sergio Vallejo.

O Campionato de España Sprint de Trasona tivo unha alta participación con 2.200 embarcacións inscritas.