O Club Bádminton Ravachol Pontevedra comunicou á Federación Española o cambio de sede para a próxima jonada de liga de División de Honra que disputará como local, ante a imposibilidade de atopar instalacións dispoñibles en Pontevedra.
Ante esta circunstancia o encontro do 9 de febreiro contra o IES La Orden de Huelva xogarase na Estrada, informa a entidade deportiva.
A xornada que debía disputar en decembro contra As Neves tamén sufriu cambios polo mesmo motivo, pedindo o Ravachol un cambio de orde e xogar fóra da casa mentres tentaba buscar unha solución.
"Temos un equipo na categoría máis alta do bádminton español, levamos na elite 5 anos e a tempada pasada fomos terceiros, estamos a facer historia para o bádminton galego pero parece que non é suficiente", quéixase o director deportivo da entidade pontevedresa, Jesús Pereiro.
Todo, sinala, a pesar de que a liga de División de Honra de Bádminton disputa a súa fase regular en oito xornadas, o que fai que sexa necesaria pista catro veces ao ano para competir como local.
"De momento pedimos xogar na Estrada o 9 de febreiro, esperando que a situación mellore e poidamos xogar en Pontevedra as dúas últimas xornadas da casa, pero o tempo vai pasando e si non atopamos solucións teremos que seguir buscando alternativas, xa que a opción de deixar de competir non existe", explica Pereiro.
O máximo responsable do Ravachol conclúe a súa explicación defendendo que "traballamos moito neste proxecto e algúns ligamos a nosa vida persoal a este club, polo que seguiremos traballando incansablemente para seguir facéndoo máis grande e seguir soñando con alcanzar metas aínda maiores".
Esta tempada, tras dúas xornadas disputadas, o Bádmninton Ravachol Pontevedra ocupa actualmente a terceira posición do seu grupo cunha vitoria e unha derrota.