Sorprendente comunicado, polo menos desde a distancia, o que publicou o que será o próximo rival do Pontevedra Club de Fútbol na Primeira RFEF, a AD Ceuta,cargando contra a Real Federación Española de Fútbol.
Os granates visitarán o Estadio Alfonso Murube da cidade autónoma o vindeiro domingo 27 (12.00 horas) no medio dun ambiente moi enrarecido non só polos últimos resultados da entidade 'caballa', senón por sentirse gravemente prexudicada. Cabe lembrar que o Ceuta é actualmente o pechacancelas da competición con 3 puntos, tendo gañado só un encontro esta campaña e encadeando actualmente sete derrotas consecutivas.
"Nas últimas datas, o noso equipo está a verse gravemente prexudicado por unhas decisións arbitrais que non poden suceder nunha categoría profesionalizada como é a Primeira RFEF", critica o Ceuta referíndose a "gravosas decisións que lastran o noso bo facer dentro do terreo de xogo" como son "penaltis non concedidos, goles anulados, expulsións rigorosas, deficiente trato aos nosos futbolistas e membros do corpo técnico".
Duras acusacións que se fan pedindo "o mesmo respecto, consideración e deferencia co que nós tratamos á competición, á Real Federación Española de Fútbol, ao Comité Técnico de Árbitros, Clubs, así como ás distintas afeccións que nos visitan".
O club considera que a cidade autónoma "está a sentirse menosprezada durante a actual tempada", aludindo tamén ao esforzo que supuxo cambiar a superficie artificial do seu estadio por un terreo de xogo de herba natural, obrigatorio para poder competir na categoría tras o seu ascenso, e que lle impediu xogar na súa habitual sede, o Alfondo Murube, ata a oitava xornada.
A pesar de todo iso, recalca o próximo rival granate, "a AD Ceuta FC non quere utilizar estes feitos con ningunha intención de xustificar os resultados deportivos obtidos ata o momento, pero si para demostrar a profesionalidade, respecto e ilusión coa que desde o primeiro minuto está a afrontar a categoría".
Un comunicado que enturba o ambiente de fronte ao duelo do próximo domingo, no que o Pontevedra buscará a súa ansiada primeira vitoria fóra da casa para non desengancharse dos seus rivais directos na pelexa pola permanencia na categoría.