Que lle falta por fichar ao Pontevedra neste mercado?

Pontevedra
05 de agosto 2020

O Pontevedra dispón de cinco fichas libres, pero se non hai saídas só poderá asinar a un futbolista sénior, e o equipo precisa reforzos na liña de centrais, extremos e dianteira. A renovación de Álvaro Bustos e a saída de Naveira marcará o resto de movementos no mercado de verán

Charles, na súa presentación como xogador do Pontevedra
Charles, na súa presentación como xogador do Pontevedra / Mónica Patxot

Se a situación sanitaria o permíte, o novo proxecto do Pontevedra botará a andar en menos de quince días coas primeiras sesións de adestramento de pretemporada pero aínda sen data marcada para o inicio da liga. Ata a data, a dirección deportiva do club pechou oito novas fichaxes, asegurou a continuidade de nove futbolistas e despediuse doutros trece xa exgranates. Aínda así, o primeiro equipo aínda dispón de cinco fichas libres e precisa reforzos en todas as liñas salvo na portería.

O traballo nas oficinas de Pasarón aínda segue sendo frenético á espera de pechar as contratacións de, polo menos, un central, un dianteiro e un extremo. Nesta última demarcación aínda non está descartada a continuidade de Álvaro Bustos, único xogador do primeiro equipo cuxo futuro permanece sen aclarar e que conta cunha oferta de renovación por parte do club.

Tamén parecen probables máis movementos na liña defensiva que obrigarían ao Pontevedra a moverse no mercado en busca de substitutos.

PORTEIROS

É a única liña do campo pechada. Tras facerse oficial a marcha de Edu Sousa (Brian Jaén xa se despediu durante a corentena), o Pontevedra anunciou as fichaxes do veterano gardameta Mario Fernández, de dilatada experiencia en Segunda B e tamén con aparicións en categorías superiores; e de Álvaro Cortés, un mozo e prometedor porteiro procedente do San Sebastián de los Reyes.

DEFENSAS

O lateral dereito, coa chegada de Aitor Núñez en substitución de Nacho López e a continuidade do canteirán e sub 23 Nacho Figueroa, está cuberto. Non ocorre o mesmo cos centrais. Churre e Pol Bueso son os únicos xogadores específicos para esa demarcación e a continuidade do valenciano, que non chegou a afianzarse como titular o pasado curso, tamén está no aire malia a ter contrato en vigor. 

Unha situación que, unidas ás saídas de Campillo e Jaouad, obrigarán ao Pontevedra a peitear o mercado con urxencia para contratar a unha parella de garantías para Churre e un terceiro compoñente no caso de que se produza algunha saída.

No flanco esquerdo a situación garda certo parecido. Zabaleta, chegado no pasado mercado invernal, parece facerse coa confianza do adestrador. Con todo, Álvaro Naveira, que este ano ocupará ficha sénior e nunca chegou a callar no equipo, sitúase tamén na rampla de saída. Un lateral sub 23 polivalente na liña defensiva sitúase como o obxectivo principal para substituílo se finalmente abandona a disciplina granate.

CENTROCAMPISTAS

Adrián Cruz e Romay son os únicos especialistas da sala de máquinas que continúan do curso pasado, aínda que o coruñés desenvólvese mellor en posicións máis adiantadas. Para completar a parcela central chegaron Imanol e Borja Martínez. 

O primeiro, procedente do Córdoba, será o encargado dos labores destrutivos a pesar de que non está exento de bo manexo de balón e visión de xogo. Maior participación na creación de xogo espérase de Borja Martínez, un mediocentro chegado do Xetafe B e con pasado en canteiras como a do Atlético de Madrid ou Espanyol.

EXTREMOS

Todos pendentes de Álvaro Bustos. O extremo xixonés que no inverno viu frustrado o seu traspaso ao fútbol polaco, parece volver ser o culebrón do mercado para o Pontevedra. O club ofreceulle a renovación, pero existen outros equipos interesados na súa contratación. En Pasarón esperan a súa resposta nos próximos días, se non chega activarán a contratación dun substituto.

Mentres permanecen á espera, Jesús Ramos sabe que ten a tres especialistas de banda. Álex González volverá asegurar velocidade, caneos e asistencias pola banda esquerda. Á dereita, Oier Calvillo, procedente do filial de Osasuna e con excelentes referencias por parte de técnicos e afeccionados, parte con vantaxe sobre Óscar Fernández, outro extremo dereito asinado polo Pontevedra durante o pasado mes de xullo procedente do Don Benito.

DIANTEIROS

O posto de ariete converteuse no principal talón de aquiles do Pontevedra ano tras ano desde a marcha de Mario Barco. Coa chegada de Rufo no último mercado invernal apagáronse as luces de alarma e o bombazo do regreso de Charles sitúan agora ao equipo de Pasarón como unha das dianteiras máis temidas da categoría.

Aínda así, a marcha de Adighibe ao Talevera de Edu Sousa e a Rivera ao Coruxo, deixan un importante oco na punta de ataque que a dirección deportiva debe resolver para liquidar calquera contratempo en forma de lesión ou sanción dos dianteiros durante o transcurso da tempada.

A estas alturas, Jesús Ramos contará con Mario Fernández e Álvaro Cortés como porteiros; Aitor Núñez, Santi Figueroa, Churre, Pol Bueso, Zabaleta e Naveira como defensas; Adrián Cruz, Romay, Imanol e Borja Martínez para o centro do campo; Álex González, Oier Calvillo e Óscar Fernández nas bandas; Rufo e Charles na dianteira.

Un total de 17 fichas dos que só dous xogadores ocupan praza sub 23 ( santi e Álvaro Cortés) e con dous futbolistas (Pol e Naveira) na rampla de saída. O máximo de licenzas en Segunda B é de 22 xogadores (16 sénior e 6 sub 23) polo que o Pontevedra conta aínda con cinco fichas libres (unha sénior e catro sub 23) que, a priori, destinará á contratación dun central, un dianteiro e un extremo. Os dous restantes servirán para complementar os postos con menos efectivos do equipo, que son a liña de centrais e a dianteira.