Suave adestramento e viaxe curta. O Pontevedra realizou unha lixeira sesión á primeira hora da tarde deste venres na Xunqueira, e ás 16:30 horas subiuse ao autobús camiño a terras maragatas, onde este sábado enfrontarase ao Atlético Astorga no campo de La Eragudina (17:00 horas).
Os granates viaxan cun obxectivo moi claro, conseguir puntuar, se é con vitoria mellor, para alcanzar a cifra de 45 puntos e, tras deixar a permanencia asegurada, fixarse obxectivos máis ambiciosos no que resta de liga.
Claro que enfronte terán un rival crecido e moi cambiado con respecto ao que xogou en Pasarón na primeira volta. O Atlético Astorga está en franca liña ascendente, suma catro xornadas consecutivas sen perder e pretende facer do seu campo unha fortaleza sobre a que asentar a súa remontada e escapar da zona de perigo.
As baixas de Edu, Capi e Pablo Carnero no Pontevedra veranse compensadas coa volta de Hugo, Antonio Bello, Adrián e Jacobo, despois de cumprir a súa sanción. O meta será substituído na convocatoria polo porteiro do filial, Lluis, quedando a lista de 16 convocados formada por: Company, Lluis, Adrián, Campillo, Bruno, Pablo, Verdú, Kevin Presa, Queijeiro, Álex Fernández, Mouriño, Hugo, Antonio Belo, Jandrín, Jacobo e Borjas.
O partido será dirixido polo colexiado Francisco José Hernández Maeso (Estremadura), auxiliado nas bandas por Francisco Javier Domínguez Márquez e Roberto Paredes Carrasco.