Importante empate o conseguido polo Tenis de Mesa Monte Porreiro na terceira xornada de liga da Superdivisión masculina.
"Conseguimos un punto incrible", asegura o adestrador do equipo pontevedrés, Nando Álvarez, tras o 3-3 asinado na súa visita ao Hortitec Alzira.
O é porque o Visit Pontevedra superou baixas e contratempos para polo menos conseguir puntuar. Chegaban á cita de feito coa baixa por problemas físicos de André Silva e a ausencia de Martín Betancor debido a un compromiso internacional coa selección de Arxentina.
Debido a iso o Monte Porreiro deu a alternativa á súa última fichaxe, o portugués Gonçalo Gomes, e tamén contaba co regreso ás pistas do seu capitán Nico Galvano despois de moitos meses de recuperación por unha grave lesión de xeonllo. Con todo no quecemento Galvano sentiu molestias, e por precaución decidiu non xogar.
"Non queriamos arriscar, polo que partimos cun 2-0 en contra", explica Nando Álvarez, coa dificultade que iso supón, pero "pelexamos moito e estamos moi contentos. Por iso é un punto que sabe moito máis que unha vitoria".
Para conseguilo Miguel Ángel Vílchez sumou dous claros triunfos fronte aos locais Tristán Flore e José Carlos Guillot, mentres que Gonçalo Gomes gañou a Guillot pero perdeu o seu duelo contra Ibrahima Diaw deixando o resultado no 3-3 final.
Con este empate e despois de tres xornadas o Tenis de Mesa Monte Porreiro é cuarto na táboa con 5 puntos, a un do liderado.