O 'pumptrack' como exemplo de superación en Vilaboa

Vilaboa
30 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:18

O Club Ciclista Val do Ulló puxo en marcha un grupo de 'pumptrack' dirixido por Iván García, campión galego ao que a bicicleta axudou a poder convivir cunha colite ulcerosa

Grupo de 'pumptruck' do Club Ciclista Val do Ulló
Grupo de 'pumptruck' do Club Ciclista Val do Ulló / Concello de Vilaboa

É unha disciplina ciclista cada vez máis popular, sobre todo entre a xente nova, e por iso o Club Ciclista Val do Ulló reforzou a súa aposta polo 'pumptrack'.

Fíxoo ademais colocando á fronte do seu grupo de adestramento, que arrinca este mes de febreiro, a Iván García, todo un exemplo de superación ao que esta disciplina deportiva axudou a convivir cunha enfermidade, a colitis ulcerosa.

"Grazas a este deporte conseguín saír dun forte brote de máis de 3 anos. Levo montando en bicicleta desde os 13 e empezar a dedicarme á bicicleta nun plano algo máis profesional deume a motivación para saír adiante", afirma o campión galego de pumptrack de 2024.

A colitis ulcerosa é unha enfermidade inflamatoria intestinal crónica que lle limitou durante a súa adolescencia.

Por todo iso, agora quere transmitir aos mozos que arrastren algún tipo de problema físico que o deporte é sempre unha boa alternativa.

Iván atopou inspiración en Marcelo Gutiérrez, un piloto de descenso que abandonou a competición profesional por ter colitis ulcerosa. Por iso "coñecer a historia de alguén que admiro e saber que ten o mesmo problema que eu e conseguiu atopar unha boa saída deume certa forza para saír adiante. Visibilizar este tipo de cousas pode significar moito para algunhas persoas", asegura.

"Se a miña pequena historia pode axudar a alguén que estea a pasar por algo similar, vale a pena", asegura tentando animar a máis xente a probar no pumptrack, unha modalidade ciclista que se practica en circuítos con ondulacións e peraltes e que resulta certamente vistosa.

No que respecta a Vilaboa, Iván García comezará a impartir novas clases a partir de febreiro a través do Club Ciclista Val do Ulló, que conta xa con 30 deportistas federados nesta disciplina.

Exercítanse habitualmente no pavillón do Toural, á espera de poder contar coa pista que está previsto instalar na canteira de Paredes.