O calendario galego de ciclocrós puxo punto e final este domingo co XIV Ciclocrós Castelo de Maceda-Copa Deputación de Ourense. Despois de 17 eventos celebrados en menos de tres meses, o Campionato Galego puxo o broche cunha xornada chea de choiva e vento na que participaron ao redor de 250 corredores.
As intensas choivas e o vento que houbo en Galicia este domingo complicou a dureza do trazado que percorreu o Castelo de Maceda. De 2.500 metros de lonxitude e cun firme composto de asfalto, herba e terra, o percorrido converteuse nun auténtico reto.
Na proba masculina, Miguel Rodríguez, do Supermercados Froiz, encabezou a proba seguido do habitual Iván Feijóo (Maceda) e vixente campión de españa Sub-23. Con todo, na última volta, Feijóo adiantou ao do equipo pontevedrés cun potente sprint para proclamarse campión xeral. Rodríguez foi segundo absoluto e primeiro Sub-23, facéndose así co Campionato Galego e coa Copa de Galicia da súa categoría. O seu compañeiro de equipo, Fabián Rodríguez, foi segundo en ambas as competicións.
Na feminina, a marinense Irene Trabazo revalidou o título conseguido a pasada campaña en Ferrol. A júnior da escuadra alimenticia, Laura Mira, foi a primeira da súa categoría e segunda na xeral; a súa compañeira de equipo, Uxía Soto, foi terceira e sexta respectivamente e, Aida García, do Farto, foi sexta na elite e oitava na xeral.
Con estes resultados péchase o calendario galego deste ano no que o Supermercados Froiz, na súa primeira campaña, conseguiu uns resultados máis que destacables entre as súas novas promesas. A tempada ao completo pecharase para o equipo pontevedrés no mes de xaneiro co Campionato de España de CX en Xativa.
Consulta os resultados do Campionato de Galicia de Ciclocrós en Maceda.