O Pontevedra Club de Fútbol depende de si mesmo para pechar o ascenso a Primeira RFEF na próxima xornada de liga.
Conseguirao xa o vindeiro domingo 20 de abril se vence no Estadio Municipal de Pasarón ao último clasificado e xa descendido Laredo (17.00 horas), sen ter que mirar ao que pase noutros campos e con aínda dúas xornadas máis de marxe.
Por iso, co obxectivo de que Pasarón se converta nunha festa e poder celebrar o posible ascenso co maior número de afeccionados posible, o club granate rebaixou prezos e activou promocións.
En canto ao prezo das localidades, será menor do habitual, con entrada única para o público a 10 euros en fondos e Preferencia e 15 euros na bancada de Tribuna.
Non pasarán pola billeteira, do mesmo xeito que no resto de partidos de liga da tempada, os menores de 6 anos.
PROMOCIÓN | Xa podes conseguir a túa entrada para o partidazo ante o @CDLaredo‼️
— Pontevedra CF 🦴 (@PontevedraCFSAD) April 14, 2025
👉 Unha invitación por cada abonado, retirable en oficinas ou online
👉 Coa compra dunha entrada de público xeral en oficinas, levas outra de balde para a mesma bancada #NonPararAtaVoltar ♥️ pic.twitter.com/GN79O31OWC
Pero é que a promoción que habilitou o Pontevedra é un 2x1, xa que por cada billete adquirido regalará unha invitación. Esta compra debe realizarse de maneira anticipada nas oficinas de Pasarón.
Ademais, os socios poderán retirar unha invitación para un acompañante, neste caso en oficinas pero tamén a través da venda online.
Ao ser Semana Santa as oficinas do Estadio Municipal de Pasarón só abrirán luns, martes e mércores de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.