Prometedor debut do Cisne fronte a Gijón Jovellanos (32-26)

Pontevedra
10 de setembro 2016

A pesar das dúas inesperadas baixas de Alejandro Conde e Pablo Gayoso, o equipo branco mostrou un poderío na súa primeira liña que seguro dará moitas alegrías aos seus seguidores. Profundidade de banco, multiples variantes, ritmo altísimo de circulación de balón e transicións, ademais dunha calidade técnica individual da que moi poucos equipos poden dispoñer

Partido entre Cisne e Gijón Jovellanos no CGTD
Partido entre Cisne e Gijón Jovellanos no CGTD / Diego Torrado

Confirmou o Cisne sobradamente as sensacións mostradas durante a pretemporada que apuntaban á confección dun equipo serio, con aspiracións, e que podería dar que falar este ano. Os de Jabato pasaron por encima case sen despeitearse dun Gijón Jovellanos que non tivo opción en ningún momento de inquietar sequera aos pontevedreses.

A pesar das dúas inesperadas baixas de Alejandro Conde e Pablo Gayoso, o equipo branco mostrou un poderío na súa primeira liña que seguro dará moitas alegrías aos seus seguidores. Profundidade de banco, multiples variantes, ritmo altísimo de circulación de balón e transicións, ademais dunha calidade técnica individual da que moi poucos equipos poden dispoñer.

David Chapela, Andrés Sánchez e Álex Chan volveron tola á defensa asturiana, sen necesidade de estar demasiados minutos en pista, xa que enseguida tiñan substitución de altísimo nivel en Xosé Canedo, Carlos Pombo ou Guille Rial. Se non había posibilidade de lanzamento exterior, funcionaba a conexión co pivote, onde Iago Cuadrado facía un traballo impecable.

A consecuencia foi case inmediata. A igualdade apenas durou 15 minutos, e foi relativa, porque as sensacións eran que en canto os minutos fosen pasando, os asturianos cederían como froita madura. Primeiro estirón a partir do minuto 20. O Cisne tomou unha vantaxe de 4 goles, que mantería ao descanso (16-12).

Na segunda parte os visitantes foron valentes, pero equivocáronse. Tentando impoñer un ritmo frenético ao partido entraron no xogo que mellor lle vai ao Cisne. E as diferenzas comezaron a crecer.

David Chapela, excelente, deixaba nas mans de Xosé Canedo a tarefa anotadora e mediado o período final a diferenza crecera ata os sete goles (25-18). O partido estaba resolto. Pese ao susto de David Chapela, que tivo que retirarse cunha torcedura de nocello, o marcador falaba con claridade (31-21, a falta de pouco máis de catro minutos).

Nese curto espazo que quedaba o Cisne, co partido resolto, empeñouse en accións individuais desafortunadas, o que aproveitaron os asturianos para maquillar un resultado xusto e ilusionante.

BM CISNE (32): Pablo Galán (1); Álex Chan, Pablo Picallo (2), Andrés Sánchez (3), Iago Cuadrado (5), Pablo Rey, David Chapela (6) -sete inicial-, Toño Lafuente (p.s.); Adrián Menduiña (3), Xosé Canedo (5), Fabián González (1), Miguel Simón, Javi Vázquez (3, 2 de penalti), Carlos Pombo (1), Pepe Camiña e Guille Rial (2).

GIJÓN JOVELLANOS (26): Nachín; Pablo Fernández (3), Alberto Molina (4, 1 de penalti), Ortega (4), Ruesga (3), Ricardo Díez (1), Echarri (2) -sete inicial-, José Cardín (p.s.); Pablo Roberto, Carlos (4), Javi Sainz, Conlledó (3, 1 de penalti), Iván (2), Pelayo, Jesús de la Puente e Hugo de la Puente.

Árbitros: Luís Ignacio Colmenero Guillén e Víctor Rollán Martín (Castela-León). Excluíron dous minutos a Xosé Canedo (2), Álex Chan, Andrés Sánchez e Iago Cuadrado, polo Cisne, e a Pablo Fernández, Pablo Roberto e Ruesga (2), polo conxunto asturiano.

Marcador (cada cinco minutos): 2-2, 5-4, 8-7, 11-9, 14-10, 16-12 (descanso), 18-14, 20-16, 25-19, 27-21, 30-21 e 32-26 (final).

Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 200 espectadores.